HomeOpiniónA quen interesa que os valores da Ribeira Sacra estean sustentados polo...

A quen interesa que os valores da Ribeira Sacra estean sustentados polo esmorecemento integral do territorio?

O Consello  de Patrimonio Histórico Español deu o venres, 5 de abril, o visto bo á proposta da Xunta de Galicia para que a Unesco teña en consideración, no 2026 como única candidatura do Estado español a Patrimonio Mundial, a Ribeira Sacra. O curioso é que o traballo do expediente está aínda na súa meirande parte por facer, o equipo redactor e o Ministerio de Cultura teñen que de agora en diante elaborar o expediente á carta, tal e como esixe a Unesco, de xeito que no vindeiro febreiro de 2025, dentro de dez meses, ten que ser presentado para a súa avaliación.

Publicado o

POR
Federación de Asociacións da Ribeira Sacra
- Advertisement -

Os cualificativos que a Ribeira Sacra recibiu este 5 de abril por parte dos representantes da Xunta de Galicia resúmense en “tesouros patrimoniais” e “valores senlleiros”, termos estéticos que amosan o “fachadismo” (de fachada, non entendan mal) deste procedemento, e que non fan honra a esta nova candidatura. O “aprazamento estratéxico” do 2021 obrigaba a “revisar, reformular, fortalecer e mellorar”, o que a efectos prácticos supuxo no prazo de tres anos, un cambio drástico no título da novela deste territorio milenario, da sacralidade da paisaxe histórica (non sustentada cientificamente) á paisaxe industrial da auga (resultado das infraestruturas recentes).

Os argumentos que foron motivo de exclusión baseados na presenza dos encoros e a industria hidroeléctrica como transformadores artificiais da paisaxe en época contemporánea, son agora os valores engadidos deste territorio. Os espazos que noutrora eran esenciais na Ribeira Sacra, como os mosteiros de San Pedro de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, son agora excluídos, a corte de tesoira, imaxinamos que é porque non abonda coa auga que conteñen os regueiros e fontes milagreiras dos mesmos.

Logo “tesouro patrimonial de valores senlleiros”, é como cualifican á rede de centrais hidroeléctricas, encoros e demais artificios e transformacións da paisaxe de xeito radical. Imaxinamos que cedo incluirán os viñedos extensivos tamén como autóctonos e senlleiros da Ribeira Sacra, quedando a viticultura heroica nos libros de historia ou lendas, máis xa nos teñen acostumados a que “eses son os seus principios, e se a ICOMOS non lle gustan, teñen outros”. Están a construír un patrimonio mundial cunha dose elevada de “desmemoria”.

Río Loña, Castadón (Pereiro de Aguiar) / Fears

No tratado internacional da Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural, aprobado pola UNESCO en 1972 indícase que é preciso recoñecer nos patrimonios mundiais “un valor universal excepcional” e a verdade que Paisaxes da Auga abondan, paisaxes vinícolas inscritas na lista de Patrimonio Mundial temos exemplos coñecidos como o Rin en Alemaña ou o Douro en Portugal, encoros do franquismo temos tamén dabondo, aldeas asolagadas e patrimonio mergullado baixo as augas, exemplos en Galiza e o territorio peninsular en grande medida.

Argumentos de peso

É ben sabido que quen habita o territorio é quen o coñece, quen o protexe por séculos de xeracións en xeracións é quen ten o vínculo memorial con el, quen o traballa é quen adquire dereitos e quen se preocupa acotío polo seu futuro é quen pode planificalo. Polo tanto, e con ánimo de aportar, esta Federación de Asociacións da Ribeira Sacra quere engadir “argumentos de peso” polos que a Ribeira Sacra SI é unha paisaxe con valores excepcionais universais.

  • É exemplo de extenso deserto demográfico,
  • existe unha dificultade evidente de fixar poboación,
  • o desamparo do sector primario é escandaloso por estar nun último plano e desatendido desde fai moito tempo,
  • e en certas áreas en crise, existe unha dificultade sobresaínte na adquisición, rehabilitación ou aluguer da vivenda,
  • a carencia de servizos sanitarios para a poboación é alarmante,
  • a nula existencia de rede de transporte público é desesperante, especialmente para as persoas maiores que o sofren,
  • dita poboación non se renova e polo tanto o índice de avellentamento é elevado,
  • a baixa natalidade e limitada chegada de nova poboación implica unha rotunda falta de relevo xeracional,
  • o escaso emprego que temos non é de calidade,
  • as actividades agropecuarias levadas a cabo de xeito tradicional e mantidas co paso dos anos en comuñón coa paisaxe están severamente en risco de perda,
  • se falamos do patrimonio cultural e natural é agredido con frecuencia, os proxectos de infraestruturas inxustificados esnaquizan as pegadas materiais e inmateriais durante séculos preservadas,
  • o abandono absoluto das aldeas e as súas arquitecturas vernáculas e de alto valor etnográfico e cultural vense esmorecidas no chan ante a mirada impasibidade das administracións,
  • o patrimonio artístico e histórico dos mosteiros senlleiros vese adoecido ou pola perda irremediable froito do desleixo ou polo deterioro da acción do turismo de masas como axente principal de degradación
  • e a paisaxe está verdadeiramente ferida de morte polos problemas medioambientais, que comezan polos proxectos de parques eólicos que ameazan este territorio “tesouro” do que falan e rematan pola verdadeira realidade da auga.

Queren que falemos da “auga” e da “paisaxe da auga”?, logo poñamos a atención nos elevados niveis de contaminación das augas da Ribeira Sacra e fagamos un percorrido turístico polas macrogranxas que ao día teñen un consumo desorbitado de auga e unha clara ausencia de control dos xurros contaminantes.

Ribeira Sacra, Paisaxe da Auga, título dunha novela de ficción en formato “contos breves” que ten moita pegada para un selfie do Instagram ou tódolos ingredientes dunha traxicomedia de compadreo político, na que o 7 de febreiro o Goberno do estado español respondía ao PP de Galiza no Senado que “en caso de informe desfavorable, la candidatura fue retirada” e “de querer volver a ser evaluada, la candidatura debe reiniciar el proceso de presentación de su expediente desde el inicio (…) éste deberá variar sustancialmente del ya presentado”. Fai dous meses non había candidatura, agora parece que si.

ÚLTIMAS

‘As nosas flores’: proxecto audiovisual ambientado no rural de Monforte que busca actores, actrices e apoio económico

Carteis por Monforte, e unha campaña de crowdfunding que está a correr polas redes,...

Xuntanza sobre a difusión de produtos turísticos este 29 xaneiro en Chantada

Este mércores 29 de xaneiro, Acción contra a Fame organiza a xuntanza “Comunicar para...

Os socialistas de Triacastela denuncian ante a Valedora do Pobo a falta de plenos ordinarios

O Grupo Municipal Socialista de Triacastela vén de remitir á Valedora do Pobo unha...

Reúnese a mesa do viño da Ribeira Sacra

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural,...