O polifacético sarrián tivo este ano o encargo de renderlle homenaxe ás Festas de San Xoán e fíxoo dedicándolle un completo pregón. Unha crónica na que resume dalgún xeito o sentido das festas e a súa evolución co pasar dos anos, ademais de lembrar outros pregoeiros/as anteriores e figuras como o tamborileiro e a tamborileira municipais, así como tamén as Pampónigas de Sarria.
Parabéns e total agradecemento a Arlindo, dende Xornal de Lemos, por permitir que poidamos reproducir integramente o pregón do pasado venres 21 de xuño.
PREGÓN DAS FESTAS DE SAN XOÁN DE SARRIA 2024
“En primeiro lugar quero agradecer as palabras dos que dende este corredor da Casa do Concello tiveron a xentileza de faceren gabanzas das que non me sinto merecente, porque para min priva máis a satisfacción do deber cumprido ca os loores froito da ben querencia e da amizade. Grazas.
Dando cumprimento ao labor encomendado coido que o meu traballo debería limitarse a facer dúas sinxelas chamadas nas que se debería resumir o sentido destas festas do San Xoán tan de cedo pregoadas.
A primeira chamada que fago, segue o reclamo daquel tendeiro visionario que na porta do seu establecemento dicía: “Vaian entrando, vaian mirando, vaian comprando, vaian pagando, vaian saíndo!”. Eu teño que dicirvos que as Festas do San Xoán deste ano 2024 esixen de todos nós que “vaiamos vindo, vaiamos soñando, vaiamos rindo, vaiamos amando, vaiamos brincando, vaiamos xantando, vaiamos gozando e vaiamos lembrando”… Esa é a verdadeira esencia destas festas.
E segunda mensaxe, e moi importante, é a do tendeiro que, dende a outra beirarrúa pregoaba: ¡¡Fajan jasto!! ¡¡Fajan jasto!!.
Despois de vivir e sentir nesta nosa Sárria 65 San Xoáns arreo e de ter botado á rúa, seguindo o ronsel aberto por Avelino Pousa Antelo, un total de 30 Pregóns versificados, para min función de honra, e non obriga, é dicirvos que hoxe abrimos a porta á mellor expresión dos nosos valores como cidadáns libres: As nosas Festas Patronais.
Eu quero renderlles homenaxe a todos os sarriaos e sarriás que dende a noite dos tempos anunciaron e celebraron a chegada do Solsticio de Verán, con ese sol pregoeiro de tempos de fartura e de premio para o esforzo de aqueles de onde todos nós vimos, traballadores de terras alleas, afogados pola rendas, desmos e trabucos, aqueles “pobres, coitados, labregos / que viven na aldea rabiando de bos, / escravos que levan o nome de libres / e viven na aldea rezándolle a Dios“, que dixo Valentin Lamas Carvajal, e que só nas romarías achaban algo de lecer naquel opresor val de bágoas.
Os primeiros pregoeiros das festas do San Xoán foron os campaneiros e preludiaban tamén a chegada da festa os rapaces que ían ao río na percura de espadanas e á Costa de Fafián a apañar flores de xesta e fiúncho para alfombraren a rúa principal entre as igrexas parroquiais.
Atronaban o ceo de xuño os fogueteiros con fortes bombas de palenque e os rapazolos da vila corrían na percura das varillas. En materia de bombas as festas do San Xoán foron sempre o prudencial punto medio entre os profusos lanzamentos de aéreos que enfrontaban aos ramistas de Farbán e de Vilar de Sárria, que se chufaban, con toda fachenda, de gastaren máis cartos en bombas ca os ramistas da vila.
Normalmente, xunto co pregón, abre agora as festas a Queimada creada en 1971 por unha “comisión guerrilleira“, da que uns cantos mozos formábamos parte, e que foi matinada sentados riba de sacos da fariña no forno de Gudín e dende entón e por moitos anos o Pedro do Dios recibiu a encomenda de materializala, sendo seguido 53 anos despois polo ben facer de veciños e veciñas do Campo da Feira, que, sen dúbida, son merecentes de recibiren a homenaxe da nosa comunidade. Algún día terán que ocuparen eles este corredor en calidade de pregoeiros, honra para a que teñen feito méritos máis que suficientes.
Abrían o día grande da festa as mociñas que engalanaban con rosas e caraveis as frenteiras das casas, para escorrentaren a mala adaxe e os meigallos e os mozotes que con bruantes buguinas acompañaban a chegada do gaiteiro posto a soldada polo Rexemento de Vila, tal foi o caso de Xoán de Rivela que en 1662 veu dende Terra de Montes a regalar a ledicia das súas tonadas polas Pascuas e polo San Xoán.
A festa oficial de Sárria, no Antigo Réxime, festa principal da Vila cabeza do Marquesado, e a dos concellos establecidos de 1820 en adiante, era a do Corpo de Cristo, o “ Corpus Christi “. A Festa do Pobo, sostida polo pobo, era o San Xoán e á súa fronte sempre había voluntariosos ramistas, mestrais e xente dos oficios, que real a real ou peseta a peseta xuntaban os cartos precisos, sempre poucos… e os podentes da vila non se caracterizaron nunca pola súa xenerosidade.
E, xente do pobo á fin, tamén anunciaban a festa as rosquilleiras, os monfortinos cos carriños de xeados da Ibense, “Francisco Alegre” cos seus muiñiños de vento de papel, os charlatáns das tómbolas, os cabaliños e as lanchas… todas xentes sinxelas, que, todas elas, hoxe fican só no recordo dalgúns sarriaos.
A antiga imaxe do Santo foi sustituida por unha fermosa talla obra do insigne escultor galego Isidoro Brocos, que todos os anos saía en procesión nun longo traxecto que chegou a ser de 1.540 metros, agora moi reducido, o que explica que nunha ocasión non houbese portadores da andia e da imaxe e cando xa quedaba atrás a igrexa de Santa Mariña houbo que percurar con presa catro ousados carretadores que se incorporaron co Santo ao lombo á detida procesión. E, coido sexa caso único no país: O moito peso da talla do Precursor fixo esmorecer o espíritu relixioso e as forzas dos porteadores e até que don Arturo Martínez doóu por galano un carriño ao xeito os ramistas víronse na obriga de pagaren soldada aos levadores da andia.
E xa polo civil foi como nestas festas entraron os máis variados deportes: Trofeu San Xoán de Fútbol, baloncesto, ciclismo, tiro ao prato, tenis, tiro de pichón, iudo, xincana motorista, xogos populares, esgrima, atletismo,… e esa xenerosa pluralidade da oferta deu lugar a outras tantas ocasións de levaren a sona das festas por toda a xeografía galega. E así cada deportista foi un bon pregoeiro.
Neste ano 2024 celebramos o centenario da chegada do teléfono a Sárria e dende entón a nova das festas viaxou polos fíos por toda a xeografía do país, como hoxe viaxa polas redes sociais.
Deron voz e sona ás Festas do San Xoán os correspondentes de prensa nas páxinas de El Progreso, El Pueblo Gallego e La Voz de Galicia, con soltos, artigos e números extraordinarios, levando así a boa nova por toda Galicia: Puche, Penela, Pousa Antelo, Ramón Castro, Antonio Peña Villamarín, Pepe Carballeira, Ramón Castro, Victor Villarabid, Antonio Peña, Penoucos, Ana Casanova, Lucía Porto… Todos eles espallaron e espallan as programacións festeiras dando difusión ás inquedanzas da comunidade sarriá,
No Libro Programa das Festas do San Xoán, do que se gardan exemplares correspondentes a 92 anos, os escritores Anxel Fole, Manuel María, Uxio Novoneyra, Xosé Trapero Pardo, Avilés de Taramancos, Uxío Carré, Felipe Arias Vilas, Bocelo…, entre outros, coas súas colaboracións literarias foron sinalados pregoeiros destas festas, labor ó que se sumaron autores da comarca como Francisco Vázquez Saco, Pedro López Rubín, Carlos Esteban Deive, Antonio Díaz Fuentes, Valentín Arias López, Víctor López Villarabid, Fiz Vergara Vilariño, Antom Fortes Torres, Manuel Poy, Leo Coyote, Marica Campo… e un longo etcétera. Para todos eles vaia a expresión do agradecemento do pobo de Sárria porque todos axudaron á dignificación do nome da vila e dos nosos valores.
A iconografía relacionada co San Xoán de Sárria, pregoeira das esencias festeiras, vén da man de Antonio Vázquez Rivas, “Avari”, creador do Tamborileiro Municipal e do Vello dos Contos, e de Rubén Santiago, a quen se debe a figura da Tamborileira Municipal, agora personificada por María Elena López González, a Terceira Tamborileira, quen en cada ano nos regala un ledo pregón versificado.
Pregoeiros das festas foron e son os autores dos cartaces anunciadores tendo que sinalar a Guillerme Kappler, “Avari”, Finxo, Padre Casaldeiro, Manuel Rodriguez Díaz “Rodim”, José Luis Álvarez, Rubén Santiago, Ana Miranda…
No remate do século XX algúns rapaces da “boa sociedade“ organizaron anovadas festas e nos anos 1906 e 1917 grupos da mocidade, entre eles os membros do Clube Celita, tomaron as rendas festeiras e o seu labor quedou reflectido nos dous primeiros programas impresos de 1906 e 1917, no tempo dunha mocidade que pretendeu darlle novas maneiras a unhas festas que coa chegada da electricidade á vila no ano 1915 fixeron das verbenas do 23 e do 24 a verdadeira atracción dos festexos complementada coa tradicional “iluminación á veneciana“ cos seus faroliños e bandeiriñas multicores, ao que se sumaron partidos de fútbol, carreiras de fitas, elevación de globos grotescos pequenos e xigantescos (un ano o lanzamento correu a cargo do famoso betanceiro Pita), carreiras de burros, concursos de feos…
En 1932, xa consolidada a presenza na organización da mocidade burguesa, engádese á programación a ROMARÍA DAS INSUAS, tamén chamada Xira das Insuas, mantida perto de 30 anos, con actuacións das diferentes agrupacións musicais e unha multitudinaria merenda na vizosa carballeira, á que entón cualificaban de magnífico Parque Natural, que Sárria, andando os anos, deixou perder diante da inmisericorde especulación urbanística e da manifesta nugalla municipal.
Dende as festas de 1939 as autoridades municipais, co alcalde á fronte e coa colaboración de xentes da industria e do comercio nas comisións oficiais, asumiron a organización, e percorrendo a vila pedían aportacións polas casas, e en El Progreso, para xeral coñecemento e estímulo comparativo, publicaban a relación das doazóns dos contribuíntes. O Concello facía unha aportación simbólica.
Houbo un ano, foi en 1963, no que faltou pouco para que a vila quedase sen festas. Un grupo de mulleres, presidido pola decidida actuación da farmacéutica Tinita Acevedo, Olga López Cisneros e Carmela González Ruiz, cunha marxe de moi poucos días, permitiu que ese baldón e vergoña non se producisen. E foi tal o bon suceso do labor petitorio que, fóra de programa, engadiron festa e verbena o día 26.
Un novo paso no xeito de organizaren o San Xoán veu coa chegada da Democracia,con asunción dereita da organización polo Concello, que agora encomenda cada ano o honroso labor formal de pregoeiro a persoas ou institucións vencelladas a Sárria.
Eu quero deixar para o final facer o loor das PAMPÓNIGAS DE SÁRRIA, nadas á calor da Comisión das Festas do ano 1965, revitalizadas, renacidas e con significativo aumento da familia, da man de Cre@rte de de Verónica Quintela, que a outras personaxes engadiu as de claro significado sanxoaneiro: O Tamborileiro Municipal, A Tamborileira Municipal, O Vello dos Contos, o peregrino Gaucelme de Bezelac , fillo literario de Carlos Esteban Deive.
Mais con todo, non hai mellores pregoeiros das festas coas que celebramos a chegada do verán ca os nenos e nenas, mozos e mozas, vilegos e vilegas en xeral, e cantos nesta Praza da Constitución estades, que polas rúas e prazas, e agora no Parque do Chanto e no Prado do Lago, sodes quen de riren, brincaren, compartiren vivenzas, amosando a ledicia da vida e esquecendo, aínda que sexa só por uns días, as teimas e xenreiras, as preocupacións e as malas horas en días de lecer e xolda.
Como podedes ver, faceren as festas de Sárria foi e é un labor colectivo e os sarriaos as sarriás de todos os tempos, nenos, mozos e vellos, foron e somos os auténticos pregoeiros.
No ano 2011 dei luz eu ao meu derradeiro Pregón versificado e hoxe, aproveitando o mandado de Claudio Garrido Martínez recupero, só “ por décimas “ e “a capella” o xesto anunciador da mellor expresión das bondades e os mellores sentimentos dunha comunidade viva e comprometida, loitadora, aberta aos camiños do mundo e á solidariedade, unha comunidade vitalista, traballadora e esperanzada, que amosa a súa mellor faciana na celebración das súas Festas Patronais:
SÁRRIA para todos nós, sempre na acción, Sárria no pensamento:
De orde do Señor Alcalde
e cumprindo co mandado
o Pregón tan anunciado,
a secas e máis de balde,
para que eu a conta salde
“a capella” botarei,
pois cousa évos de lei
anunciarlle á toda a vila
que a Festa hai que vivila
do mellor xeito que eu sei:
“Dende o día Vinte e Un
até o día do Padrón,
faga mao ou faga bon ,
andaremos ao tuntún.
Non teñan medo ningún,
pois o Concello promete
que con ninguén el se mete,
se hai boa divertición,
(iso cae de caixón)
sempre que a orde respete “.
Así que, sarriaos todos,
e tamén os forasteiros,
para a ledicia lixeiros
de mil maneiras e modos,
sexades suevos ou godos,
con moderación e con xeito
e sen dar golpes no peito
poderedes trasnoitar
e moi amodiño pecar
de gula con bon dereito.
Nestas Festas do San Xoán
deixádevos de liarazas
e da ledicia nas azas
cen soños agromarán
e todos esquecerán
teimosías e liortas .
Envexas e miras tortas,
de Sárria ben alonxadas,
nas horas de boas fadas
pareceranvos mortas
¡Viva Sárria! ¡Viva Sárria!
¡Viva o Padrón San Xoán!
Viva esta leda fanfarria
que con gosto pagarán
o Alcalde e os concelleiros,
para ben ou para mal,
consontes e moi lixeiros,
co carto municipal.
¡Viva Sárria! ¡Viva San Xoán!
e ¡Viva a nosa Galicia
cando se abre o verán!
¡Grazas, Sárria, por todo o que eu che debo:
Familia, amigos, lecer e traballo!”