Desde pequeno gardo unha relación especial co celuloide. Foi co meu irmán Lois ,ao cal admiraba profundamente naqueles anos, que se apuntaba a canto videoclube había na vila. Unha das miñas primeiras lembranzas foi cando alugamos Superman 2 no Videoclube da Estación. Tamén lembro a colección de cromos que o Lois gardaba con celo, do Batman de Tim Burton, ou anos máis tarde coa febre de Terminator 2 o xuízo final (que para ser o final moitos viñeron despois).
Pero sen dúbida o que máis me fascina facer co meu irmán maior, a parte de ir á prea no verán, era ir ao Cine Lemos, ou a calquera sala que houbese se nos collían as gañas de videar de vacacións por outra vila ou cidade. Falo de memoria pero penso que ao principio a nosa nai dáballe 500 pesetas ao meu irmán e con iso pagaba as entradas e aínda daba para ter un refresco e unha chocolatina cada un. E así pasaban os anos, entre dinosaurios, pantasmas, heroes de moral discutible, robots asasinos ou moi humanos como Jonnhy 5.
O meu xénero favorito era o de aventuras e fantasía. Mentres outros nenos daqueles tempos arrastran o trauma da mamá de Bambi eu aínda teño certa cicatriz polo cabalo de Atreyu (A historia interminable). Falando de cousas máis alegres, unha peli tan fantástica que moitos cineastas buscan emular sen moito éxito, pois nin os actores mozos dos 80 son os de agora, nin os tempos e formas de produción se asemellan á actualidade da industria, é Os Goonies, pura fantasía! Quen non tivo un subidón cando Sloth vai ao rescate dos seus amigos os Goonies, descolgándose do mástil imitando a escena do Capitán Blood?
“O meu xénero favorito era o de aventuras e fantasía”
E falando de sangue, este ano cúmprense os 50 anos de Tiburón e na XI edición do FanCine de Lemos haberá múltiples proxeccións adicadas a ese subxénero do terror que son as pelis de tiburóns. Aínda que, por xeración, o aniversario que máis ilusión me fai é o 30 aniversario de Jumanji, a boa, a de Robin Williams. Un clásico xa de fantasía e aventuras que me aportou moita emoción, como todas as interpretacións do querido Robin.
E todo este exercicio de nostalxia a que vén? Pois vén a colación do convite que me fixeron este ano desde o FanCine, para participar coma xurado da sección oficial de curtametraxes. Unha honra e unha responsabilidade que exerzo con gran ilusión e coa esperanza de ver crecer esta aventura marabillosa iniciada hai 11 anos por Carlao e Patiño (gracias cracks polos vosos esforzos) e timoneada agora por Anabel Soto, a quen lle desexo o mellor dos éxitos.

Nestes 11 anos tiven ocasión de descubrir como espectador curtas e longas interesantes e emocionantes. De charlar con actores, directores, produtores e distribuidores de todo o estado. Este ano tiven por primeira vez a perspectiva desde quen ten que seleccionar e puntuar as curtas, o que me aportou a dimensión do gran traballo que supón facer a preselección de entre máis dun centenar de traballos presentados. Vaia pois o meu recoñecemento a todo o equipo detrás que fai posible este gran evento cultural.
“Este ano tiven por primeira vez a perspectiva desde quen ten que seleccionar e puntuar as curtas, o que me aportou a dimensión do gran traballo que supón facer a preselección de entre máis dun centenar de traballos presentados”
Hai poucos días tiven a ocasión de charlar cun dos responsables dos contidos do festival. Foi fascinante escoitalo falar coa paixón de quen está absolutamente convencido do potencial que ten Monforte e o resto da comarca para o mundo audiovisual. Tamén falamos da necesidade de que a cultura debe servir para rebasar certos límites e así construír novas realidades.
Persoalmente son da opinión de que os axentes culturais debemos ser quen de persuadir aos responsables públicos e privados de que invertir en cultura é unha inversión a longo prazo, pero cun retorno real, en forma de novos profesionais, oportunidades de negocio, marcar Lemos no mapa como referente cultural. Oficios como escenógrafo, iluminador, sonidista, ferreteiro, hosteleiro, conductor abranguerían novas dimensións se proxectamos de forma conxunta unha comarca enfocada á cultura e industria audiovisual. Sen esquecer tampouco, algo no que sempre insistiu O Tigre (Mario Roldán): a formación pública de calidade.
E isto, amigos, si que é pura fantasía pola que paga a pena traballar. Longa vida ao Fancine de Lemos e como dicía o profesor da EIS, Carlos Amil: “Ide ao cine, ser felices!”