HomeOpiniónDo terroir ao terror (1)

Do terroir ao terror (1)

Coma nós, as comunidades neolíticas marcaban o territorio cos seus mortos, queimaban o monte con rozas e estivadas e mesmo empregaban o lume cunha fin ritual. No monumento megalítico da Muradella (2800 a.n.e.) ergueuse o "cairn" sobre a terra previamente calcinada, no cumio lemavo do Moncai.

Publicado o

POR
Xurxo Ayán Vila, arqueólogo e investigador natural da Pobra do Brollón
- Advertisement -

Romper a terra, furar, besar, ir ás tolas, son pasos dunha cadea técnica que se mantivo até a chegada da Modernidade fascista. Xa antes se pasara das Devesas do Rei medievais aos Plantíos borbónicos da Ilustración. O espazo cartesiano para explotar. Polígonos que obvian a paisaxe histórica e procuran novos lindes en pistas forestais e cortalumes abertos con bulldozers. As comunidades de montes procuran o beneficio rápido, tal como aprenderon no tardofranquismo. As capas de Xeoparque, Rede Natura, Reserva da Biosfera… son invisíbeis para os adoradores da resina e a celulosa.

Plantacioceno / XAV

Os grandes lumes viñeron cando chegaron as putas portuguesas, as motoserras, a farlopa e as bebidas espirituosas modernas. Cando xurdiu a autonomía e entramos en Europa. O ano 1985 é o precedente claro desta nova xeira de pirocatástrofes. Daquela arderan 400.000 hectáreas, e desde a guerra civil non se vira un operativo do Exército español de tal calibre no rural galego. Na festa do Santiago en Castroncelos houbera batalla campal entre soldados e mozos por mor da queima dunha bandeira española. Iso si, os milicos deixaron cartos durante meses na economía local. “Todos contra el fuego, tú lo puedes evitar”.

Até entón o lume era xestionado pola comunidade, do mesmo xeito cós montes, os ríos e os recursos todos. Lembro con dez anos o toque de campá a rebato en Cereixa e os berros pola estrada: ¡Arde Cima de Vila! Cos eidos ainda coidados e con xente a vivir na parroquia, era aquela unha escala asequible. Dado o seu carácter esporádico e excepcional o fenómeno chamaba a atención a veraneantes americanos, emigrantes que nas vacaciòns viñan armados con cámaras de Super 8 e cámaras Polaroid. Por suposto a ningún indíxena lle daba por grabar un lume do mesmo xeito que non se grava un funeral ou un enterro.

Incendio Quiroga 2025 / Facebook Concello de Quiroga

Corenta anos despois esta é a gran diferencia. Agora os netos e netas retransmiten a desfeita en tempo real en Tik Tok, cos seus acentos de Euskadi, Madrid, Catalunya ou Franza. Actúan como corresponsais de guerra e empregan o Facebook para reclamar axuda e medios de extinción. Esas imaxes son un torpedo á liña de flotación da cosmogonía galega. Se os galos tiñan medo de que o ceo caíse sobre as súas cabezas, os galegos morremos se nos arde a casa. Somos “sociedades de casa” que diría Lévi-Strauss. Na miña aldea até fins dos 80 se ardía unha casa toda a veciñanza carretaba, axudaba na reconstrución e pedían polas parroquias lindeiras. Era esta unha lei.non escrita, o meirande símbolo da verba calamidade.

A crise económica, a pandemia, o abandono do rural, os lumes de 2017, 2021 e 2022 fomentaron un sentimento de ruína que explosionou coa destrución do pobo enteiro de San Vicenzo de Leira en Valdeorras. Un veciño ao que lle ardeu a casa declarou ante as cámaras da manipulada televisión galega: “non sei a quen botarlle a culpa porque non sei quen leva a culpa”.

Incendio xunto ao núcleo de Golmar / CARLOS CASTRO / Europa Press

ÚLTIMAS

Un novo cineclub en Monforte reforzará a oferta audiovisual e cultural da cidade

As proxeccións terán lugar todos os venres ás 20.00h no Ateneo Casino de Monforte...

Taller de Subvencións para Emprender e para Empresas Galegas, o 28 de xaneiro online

Durante o taller daranse a coñecer a subvencións para promover e apoiar ás persoas...

“Os maragatos da Porta de San Pedro”, a exposición na Casa da Cultura de Chantada ata o 29 de xaneiro

Compoñen a mostra 12 paneis en galego e castelán que recollen a historia da...

Sarria presenta a 18ª edición da Festa do Cocido do Porco Celta

O Concello de Sarria vén de presentar unha nova edición do seu evento estrela...