InicioOpiniónFe en Deus e ferro ao fondo para fuxir da cadea?

Fe en Deus e ferro ao fondo para fuxir da cadea?

O día 3 de marzo entrou en vigor a Lei Orgánica 2/2019, do 1 de marzo, que modifica o coñecido Código Penal en materia de imprudencia na condución de vehículos a motor ou ciclomotor e introduce, ademais, un delito novo: o abandono do lugar do accidente.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

Pódese dicir que esta reforma, por unha banda, goza dun amplo consenso nas Cámaras, xa que se aprobou no Congreso dos Deputados por 222 votos a favor e, posteriormente, superou a aprobación do Senado sen a admisión de emendas. Doutra banda e, ao meu modo de ver, o máis reseñable é que responde a unha notable demanda social. Hai que ter en conta que se iniciou cunha campaña de recollida de sinaturas na plataforma Change.org, chegando a reunir 326.000, e que rematou coa definitiva aprobación dunha Lei Orgánica que endurece determinadas condutas ao volante que o lexislador considera particularmente graves e que teñen como consecuencia un resultado de morte.

En que se traduce esta reforma na práctica para o condutor “imprudente”?

En primeiro lugar, que o atropelo dunha persoa con resultado de morte sempre se considerará que ocorreu por “imprudencia grave” se o condutor do vehículo circulaba:

a) A unha velocidade superior en 60 quilómetros/ h. da permitida en vía urbana ou en 80 se fose vía interurbana.

b) Baixo a influencia de drogas tóxicas, estupefacientes, substancias psicotrópicas ou bebidas alcohólicas.

Nestes casos sinalados, xa non queda a criterio do Xuíz/a se o atropelo ocorreu por imprudencia leve ou grave, senón que a propia Lei determina que sempre concorre a imprudencia grave, de maneira que a pena para impoñer ao infractor é a prisión de 1 a 4 anos, ademais da prohibición de conducir vehículos a motor ou ciclomotores por tempo de 1 a 6 anos.

Pero non só isto, a pinza penal amplíase considerablemente podéndose impoñer unha pena de 4 anos e 1 día ata 6 anos de prisión se o feito revestise notoria gravidade en atención á singular entidade e relevancia do risco creado e do deber normativo de coidado infrinxido, se houbese provocado a morte de dúas ou máis persoas ou a morte dunha e lesións noutra consistentes na perda dalgún órgano ou membro, na perda dun sentido, deformidade, etc. Mesmo podería chegarse aos 9 anos de prisión se o número de falecidos fose moi elevado. En calquera caso, serán os tribunais quen a partir da casuística determinarán que número de falecidos é “moi elevado”, onde está o límite entre os posibles 6 anos de prisión e os 9…

Por poñer un exemplo, un accidente de tráfico que causase un número de falecidos comparable ao sinistro do Angrois está claro que podería considerarse como unha cifra moi elevada de falecidos e, polo tanto, o feito sería acredor da aplicación deste tipo penal.

En segundo lugar, vaise considerar que sempre concorre imprudencia grave nos mesmos casos sinalados nos parágrafos a) e b) anteriores, se se causan lesións ás vítimas, aos “atropelados”. Aquí enfrontámonos a unhas penas que van desde as simples multas ata os 3 anos de prisión. Prisión que pode chegar ata os 4 anos e medio (lesións a unha pluralidade de persoas e notoria gravidade,…) e mesmo ata os 6 anos, se o número de lesionados é “moi elevado”.

En terceiro lugar, e o máis esperado por determinados sectores sociais, que eu non comparto, é que se penaliza o “abandono do lugar dos feitos” tras o accidente se se deixa algún falecido ou se causan lesións na vítima que supoñan a perda dalgún órgano, membro ou sentido, deformidade, esterilidade e impotencia, entre outros. O lexislador, nun alarde de moralidade, dinos no Preámbulo da Lei que nos castiga pola “maldade intrínseca”, literalmente: “O que se quere sancionar neste caso é a maldade intrínseca no abandono de quen sabe que deixa atrás a alguén que puidese estar lesionado ou mesmo falecido, a falta de solidariedade coas vítimas”.

Ben, a pena para estes delitos vai desde os 6 meses aos 4 anos de prisión, dependendo de se a acción é imprudente ou fortuíta. Ata agora condenábase ao autor por un delito de omisión do deber de socorro, con penas dos 6 meses aos 4 anos de prisión pero ten o “inconveniente” de que debe concorrer que a vítima se atope en “perigo manifesto e grave”, e este “perigo manifesto e grave” non sempre se consigue probar polas acusacións.

Como se pode apreciar non hai unha diferenza nas penas que xustifiquen a necesidade de crear un novo tipo delituoso especial, é máis, o delito novo penaliza menos o feito de largarse do lugar por causa fortuíta (3 a 6 meses de prisión); pero si que é certo que a súa aplicación será automática ao non esixir máis elementos que o mero abandono e o resultado lesivo ou mortal.

En todos os casos, por suposto, hai privación do dereito para conducir vehículos a motor e ciclomotores.

Como di un colega meu e outros moitos escriben nos foros, é o mesmo que pedirche cando matas a alguén na súa casa, que esperes alí sentado no sofá ata que chegue a Policía cando todos deberiamos ter dereito a tentar zafarnos das represalias da xustiza cando imos de malfeitores pola vida aínda que sexa puntualmente. Haberá que ver se isto resulta e os condutores deixamos de fuxir cando as facemos ou se, pola contra, collemos medo de que nos pillen e largámonos do sitio máis rápido e sen deixar rastro, pisando a fondo o acelerador.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...