As candidaturas, pertencentes a provincias de Lugo e Ourense, teñen vontade de superar o marco administrativo das Deputacións e traballar en alternativas administrativas e de financiamento local que permitan atender as necesidades básicas da veciñanza destes concellos.
MANIFESTO
“O interior galego vive un transo excepcional e decisivo que require accións inmediatas para fixar poboación e garantir a humanización e a calidade de vida no interior do país galego. Por iso, desde a autoorganización veciñal, impulsamos desde ámbitos locais proxectos de transformación e futuro para os nosos concellos, mais sendo conscientes da necesidade de actuacións integrais, unha visión global e de conxunto por un interior galego vivo.
En consecuencia, este é un proxecto expansivo, con vontade de permanencia no tempo, que visa abrirse a todas as persoas e entidades sociais e cívicas que partillen o mínimo común denominador da loita pola vitalidade do interior do país e a mellora da calidade de vida e das oportunidades para as súas xentes. Fronte ao deserto verde e a resignación, queremos representar a afouteza da dignidade. Fronte ao desleixo das administracións públicas, a audacia de sumar forzas e impulsar medidas valentes e necesarias para construír un futuro inclusivo e con garantías.
A crise iniciada en 2008 supuxo aumentar o abandono do noso territorio, sen inversións e sen políticas activas para fixar poboación e dinamizar a economía, aumentando a dependencia da nosa estrutura económica e o noso carácter periférico. Recentemente, vendeuse a declaración BIC da Ribeira Sacra como un gran logro, sendo a realidade que foi realizada a costas da cidadanía e está desprovista de calquera contido económico ou de políticas reais de preservación do patrimonio, activación económica etc.
Porque se todas temos claro que o interior, sobretodo de Lugo e Ourense, precisa máis inversións e traballo por parte das AA.PP non se fai desde os distintos gobernos?

Por iso, formulamos a necesidade imperiosa dun Plano de investimentos para o interior galego coordinado entre todas as AA.PP. e enunciamos algunhas das medidas que acreditamos son esenciais para encamiñar o interior galego por derroteiros diferentes aos do despoboamento, a emigración, o envellecemento e a espoliación neocolonial dos nosos recursos:
Impulso ao ferrocarril, transporte moito máis desenvolvido no conxunto de Europa, aumentando as frecuencias para mobilidade da poboación, mellorando as vías e convertendo Monforte de Lemos nun nó de concentración de mercadorías conectado co eixo Atlántico, incluíndo a conexión ferroviaria dos portos galegos e con Portugal.
Aposta pola comarcalización e a optimización dos recursos, através da mancomunización de servizos, as fusións municipais e o recoñecemento das parroquias para o que é preciso a creación de canles e ferramentas efectivas de participación cidadá. As comarcas do interior galego deben configurarse como entes con capacidade fiscal propria, alén das deputacións de Lugo e Ourense cuxas prioridades son outras.
Reforma da fiscalidade local, que deixe de ter en conta en exclusiva a poboación, e reforma da carga impositiva aplicábel ás empresas que explotan os nosos recursos naturais, nomeadamente os grandes emporios enerxéticos.
Cobertura universal de ensino infantil 0-3 anos en todo o territorio e aumento dos servizos sociais para os nosos maiores con máis SAF (Servizo de Asistencia no Fogar) e prazas nos centros de día e residencias públicas.
Garantir unha asistencia sanitaria digna e equitativa para todo o mundo rural: garantir suficientes prazas de medicina familiar fixas; aumento dos servizos de pediatría no rural ourensán e no sur de Lugo; dotación de persoal suficiente e equipamentos axeitados nos PAC, centros de saúde e nos hospitais de Lemos, Valdeorras e Verín; así como a garantía de suficientes ambulancias asistenciais en todo o territorio.
Impulso de administracións públicas feministas que promovan a igualdade e defendan as vítimas da violencia de xénero con axilidade e eficacia.
Arranxo e ampliación da N-540 como solución máis realista, máis económica e máis ecolóxica para a vertebración Lugo-Ourense.
Deseño conxunto e participativo da estratexia turística, co foco no turismo cultural, de natureza e no enoturismo, para o que cómpre reformar o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra converténdoo nun instrumento útil e participativo.
Preservar e impulsar zonas como o Courel, implantando un Parque natural que conte cos veciños, respeite os seus usos e costumes e traia inversións reais para revivilo.
Aposta pola transformación alimentar de produtos como o mel, o aceite, a cereixa, o leite, o tripo do país ou a castaña, xerando valor engadido e seguindo modelos cooperativos.
Reforma da filosofía e funcionamento dos GDR que xestionan boa parte dos fondos europeos destinados ao rural.
Aposta decidida polo sector primario, nas súas diferentes modalidades, loitando por unha PAC que non discrimine os produtores galegos e facilitar a instalación de sistemas de conexión á rede de alta velocidade no rural.
Recuperación de viñedos históricos e apoio directo á pequena produción que é o que conserva a paisaxe histórica das ribeiras.
Colaboración con axentes e técnicos na prevención dos incendios forestais, contribuíndo a manter a superficie agraria útil e combatendo as especies pirofitas e invasoras.
Saneamento dos nosos cursos fluviais, catalogación das árbores senlleiras e protección dos nosos espazos naturais como valor de presente e de futuro.
Catalogación, recuperación e conservación do patrimonio material e inmaterial do noso territorio, progresivamente abandonado, mutilado ou directamente destruído de forma irreversíbel polo desleixo e a incapacidade das AA.PP.
Finalmente, incidimos en que hoxe comezamos unha andaina conxunta moitas candidaturas veciñais, esperando poder sumar a moitas máis persoas e colectivos: por un interior galego vivo! Polo noso rural!”