HomePolíticaDebate histórico no Saviñao

Debate histórico no Saviñao

O Círculo Saviñao, sociedade cultural de referencia no concello, acolleu este sábado o primeiro debate electoral da historia nunhas eleccións municipais. O salón de actos quedouse pequeno e moita xente tivo que quedar fóra.

Publicado o

- Advertisement -

Éxito sen precedentes do debate político celebrado no Saviñao. Segundo nos conta Enrique Sampil, presidente da entidade organizadora, a idea de celebrar un encontro público a tres bandas, coas respectivas formacións que concorren o día 26 ás eleccións municipais, xurdiu de forma natural tras comentarios e propostas dos propios veciños e veciñas do Saviñao.

Así as cousas, Sampil trasladoulle aos tres candidatos, Carlos Armesto Quiroga, do Partido Popular, Celestino Rodríguez Pombo, do PSOE e Antía Nieves Rodríguez do Bloque Nacionalista Galego a proposta para levar a cabo un debate político no local do Círculo Saviñao.

Enrique Sampil cos tres candidatos. Foto: C.S.

Os tres ‘alcaldables’ aceptaron a proposta de Enrique Sampil, que foi o moderador, puxeron data e reuníronse para establecer as regras do xogo; temas e tempos de intervención. Respecto aos temas, estes dividíronse en tres bloques, no primeiro deles tratouse economía, agricultura e turismo; no segundo, servizos sociais, cultura e deporte; e o terceiro estivo centrado no medio rural.

Entrando xa nas valoracións, o moderador considera “un valor para a convivencia entre os veciños a celebración deste debate e poder falar dos nosos problemas nun foro común, lonxe de conflitos que denigran a política, un servizo público fundamental nunha sociedade democrática moderna”.

O presidente do Círculo Saviñao felicitou aos tres candidatos e agradeceulles a súa participación e as facilidades que deron para sacar adiante este acto.

Dende Xornal de Lemos tentamos falar tamén cos intervintes, candidatos á alcaldía do Concello do Saviñao, para coñecer tamén as súas sensacións. Con Carlos Armesto, do PP, non puidemos contactar tras varios intentos telefónicos, pero falamos con Celestino Rodríguez e con Antía Nieves.

O candidato polo PSOE dinos que aceptou a proposta de primeiras e que o debate foi moi consensuado entre as tres partes participantes. E afirma categoricamente que “a súa única condición para participar foi que non houbese condicións”. A valoración no conxunto é moi positiva, do moderador di que estivo moi correcto e felicita á organización pola iniciativa. Así mesmo, transmite o seu agradecemento a todos e todas os que se interesaron por este encontro político de campaña.

Antía Nieves, candidata do BNG, afirma que dende o principio pareceulle unha gran idea e que tamén aceptou sen dubidalo. Non puxo ningún impedimento e na negociación das regras do xogo, di, “foi todo moi cordial e consensuado”. Respecto ao moderador di que lle pareceu “resolutivo, rigoroso e que incluso deixou algo máis de marxe para rematar algúns temas”. Preguntámoslle tamén se chegou a presentarse, nos contactos previos, a opción de deixar facer preguntas aos asistentes. Dinos que se comentou pero todos chegaron á conclusión de que non procedía, que era un tema difícil de controlar para poder axustar tempos e intervencións. En xeral, Rodríguez, afirma estar moi contenta pola idea, pola súa intervención e polo éxito de público, “esperaba que houbese xente pero non tantísima”, afirma.  Tamén nos comenta, respecto ao retorno de sensacións, que a xente trasladoulle moito agarimo.

Momento do debate co anterior alcalde moi atento en primeira fila. Foto: C.S.

ÚLTIMAS

Proxectos musicais do sur de Lugo que optan aos ‘Premios Martín Códax da Música’

Conta atrás para coñecer os gañadores da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música con 48...

Laboratorio de Experiencias, nova proposta do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra que se celebra ata finais de xuño

O Laboratorio de Experiencias propón un modelo turístico máis experiencial, sostible e conectado cos...

O PP de Monforte demanda un plan de impulso para a música e danza tradicional galegas

O PP de Monforte defenderá no pleno deste mes unha iniciativa para esixir ao...

8.563€ para a reposición da varanda da Pinguela danada pola caída dunha árbore no temporal

A caída da árbore dobrou completamente as dúas varandas laterais no primeiro tramo da...