HomePolíticaDimite o líder do PSOE na Pobra do Brollón

Dimite o líder do PSOE na Pobra do Brollón

Entre os argumentos para tomar esta decisión, Javier González refírese aos malos resultados obtidos nestas eleccións e a súa opinión persoal de que “un candidato non debería presentarse á alcaldía máis de dúas ocasións”.

Publicado o

- Advertisement -

O reto dos socialistas da Pobra do Brollón estas pasadas eleccións municipais pasaba por derrotar ao BNG e alcanzar a alcaldía, ou como mínimo restar poder aos nacionalistas na corporación local. Pero ningún destes escenarios se deu tras o reconto electoral, ao contrario, o BNG sumou un concelleiro máis obtendo a maioría absoluta.

Chegados a este punto, o líder e candidato á alcaldía polo PSOE, Javier González, adiantou a diferentes medios e nas redes sociais que non tomará posesión da súa acta de concelleiro agradecendo así mesmo a todos/as votantes da súa lista a confianza amosada nestas eleccións. Na conta de Facebook exprésase dicindo que “renuncio por coherencia coas miñas ideas, sempre defendín que a política é algo circunstancial, agradezo tamén ao PSdeG-PSOE ter confiado na miña persoa para representalo como candidato foi unha gran honra”. No comunicado afirma marchar coa satisfacción de ter feito todo o que estivo nas súas mans, agradece o traballo do equipo e indica que “queda moi boa xente que seguirá tirando polo partido, eu seguirei como militante de base axundando en todo o posible”.

González expresou tamén a diferentes medios que recoñece os malos resultados e lembra que tiñan propostas interesantes para o concello, propostas como a creación dunha cooperativa municipal para xestionar a riqueza dos montes do concello. “A priori’ parecía unha iniciativa que tiña moi boa acollida, pero ao final os veciños e veciñas optaron por darlle confianza ao BNG para seguir gobernando, engade.

Outro dos argumentos, máis persoal, foi a opinión que ten no exercicio da política, ou polo menos nos intentos de chegar a postos de goberno no concello. Neste punto, o ata agora líder do PSOE da Pobra vén a dicir que segundo a súa opinión persoal “ningún candidato se debería presentar máis de dúas veces a unhas eleccións”.

Ao longo destes días decidirase sobre o relevo de González pero todo indica que ocuparán as dúas actas de concelleiros/as gañadas polos socialistas, María José Enríquez Rodríguez, e Javier Quiroga Castro, segunda e terceiro da lista respectivamente.

ÚLTIMAS

OPINIÓN: O camarada Xesús e as trincheiras culturais

Hai case vinte anos tiven a oportunidade de coñecer a Xesús Alonso Montero, figura...

Unha fin de semana para gozar do ‘Caldo de ósos’

Onte, venres 13, inaugurábase a exposición de fotos antigas “O legado que nos une”...

O PP de Monforte reclama ao pleno unha zona de baño pública para este verán

Dende o PP de Monforte insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de...

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...