O Centro Cívico de Monforte acollía o mitin do BNG no que a parlamentaria nacionalista, Olalla Rodil, explicou que Monforte era un expoñente “do desprezo das forzas estatais cara a Galiza”. Como exemplos poñía o Porto Seco, “Prometeron converter Monforte no nó loxístico do corredor atlántico pero o único que temos ata agora é un solar de formigón no Porto Seco. Despois de anos de anuncios, a vía do tren segue sen electrificar. Seguimos cunha liña ferroviaria do século XIX, que lastra o desenvolvemento económico e social da comarca e da provincia”.
Segundo Olalla Rodil na axenda política do Estado non figuran as cuestións de interese dos galegos, “O 10 de novembro non só decidimos quen goberna no Estado, decidimos quen representa os intereses da provincia de Lugo e de Galiza no Congreso dos Deputados. E sabemos, pola experiencia das últimas lexislaturas, que as forzas estatais están a outra cousa en Madrid. A única papeleta que serve para que Galiza teña voz propia no Congreso é a do BNG”.
Pola súa banda, o concelleiro nacionalista en Monforte, Emilio Sánchez, consideraba que o concello “ten contas pendentes co Estado, como unha nova ponte sobre o río, o terceiro tramo da circunvalación ou a eliminación dos pasos a nivel.”
Durante a xornada, Rodil estivo na Pobra do Brollón, visitou algúns puntos de interese do Xeoparque Montañas do Courel e achegouse ao obradoiro de Armaior en Campos da Vila, no Concello de Quiroga, onde aproveitan a madeira de oliveira para deseñar pezas que logo comercializan nunha tenda física e a través da venda online. Pola tarde visitou unha explotación gandeira no Concello de Pantón e estivo na estación de tren de Monforte de Lemos.
“Un bo exemplo de que o noso rural ten futuro. Teno con políticas que apoien a rendibilidade da produción leiteira e agrogandeira e as iniciativas de transformación e comercialización por parte das propias persoas produtoras”, argumentou a candidata nacionalista.