HomePolítica'Camiña Sarria' e 'Galicia Sempre' desmontan as acusacións do PP

‘Camiña Sarria’ e ‘Galicia Sempre’ desmontan as acusacións do PP

Ambas formacións políticas veñen de facer un comunicado no que tildan de “ignorante e mentireira” a nota de prensa crítica do Partido Popular en relación á adquisición e uso futuro da 'Feculera' polo Concello de Sarria.

Publicado o

- Advertisement -

Camiña Sarria -partido que goberna en Sarria- e Galicia Sempre fixeron público este xoves 13 de febreiro un comunicado conxunto no que pretenden desmontar as acusacións do Partido Popular en relación á adquisición e destino dos terreos da antiga fábrica da “Feculera” -empresa de éxito que naceu en Sarria arredor dos anos 40 do século pasado e que se dedicaba á fabricación de féculas-.

Aseguran que a Feculera non está en chan industrial e calquera que consulte as normas urbanísticas vixentes pode comprobar que o terreo está cualificado como “residencial aberto”, co cal non é chan industrial nin poderá selo como se indica dende o Partido Popular. E claro está, dada esta circunstancia, resulta imposible conceder licenza municipal algunha para iniciar a hipotética actividade dunha empresa de Sarria que segundo especulan os populares “pretende adquirilo e montar unha industria que crearía 60 postos de traballo”.

En relación á presunta “competencia desleal”, da que tamén se lle acusa ao Goberno Municipal por querer mercar os terreos que din ser de interese dunha empresa de Sarria, deféndense argumentando que están en contacto co empresario en cuestión e que lle axudarán no que precise, igual que fan con outros empresarios da vila, pero en ningún caso se pretende competir con el nin prexudicalo coa xestión deste asunto.

Tamén rexeitan que se lles acuse de impedir a revitalización do barrio da Estación no que están ubicados os terreos cando precisamente a intención de facerse co espazo é dinamizar e dotar de infraestruturas de carácter socio-cultural esa barriada de Sarria. E nesta liña, nada impide, afirman rotundamente, que neste tipo de chan se faga un uso dotacional do mesmo.

Os asinantes lembran que “a adquisición do inmoble farase cumprindo todos os requisitos legais”, e retan aos opositores e críticos populares a que acudan aos tribunais se atopan calquera ilegalidade. Como remate a este comunicado refírense ao presunto “fraude de lei” do que lle acusa o PP de Sarria polo destino dos cartos recibidos trala herdanza do veciño José Sánchez Arias -350.000 euros-. Segundo refiren Camiña Sarria e Galicia Sempre, o donante deixou indicado nas súas últimas vontades que o devandito diñeiro fora destinado a fins culturais na vila de Sarria. E así será, din, co proxecto municipal no que se traballa para transformar os terreos en cuestión nunha infraestrutura de carácter socio-cultural, tema este que seica se falou tamén coa familia.

ÚLTIMAS

Monforte mellorará o punto limpo e os contedores cun investimento de máis de 41.000€

O Punto Limpo do Concello de Monforte construíuse no ano 2000 e desde ese...

A segunda fase da mellora da LU-651 entre Folgoso e Seoane, un dos principais investimentos da Xunta no 2026, aseguran os populares

A deputada do Grupo Popular no Parlamento de Galicia visitaba o municipio xunto á...

Xanela colabora nun módulo de FP do I.E.S. Val do Asma de Chantada

O pasado 29 de outubro o director de Xanela, Iñaki Castiñeira, foi de visita...

A asociación ‘Chantada contra o cancro’ anima a inscribirse na súa andaina solidaria

Conta atrás para a andaina solidaria que organiza dende hai 5 anos a 'Asociación...