Estas variantes implicarían unha redución de ata 23 minutos no percorrido dos 117 quilómetros que separan ambas as dúas capitais, ademais de posibilitar que os cidadáns lucenses aproveitasen a conexión do AVE en Ourense e viaxaran ata Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto.
Lembran os populares que a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo, foi presentada en maio de 2018 polo entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. En infraestruturas, expuxera a adecuación e reforzo das pontes, a definición do resto das estruturas, a análise dos túneles existentes para a intervención na súa adecuación, reforzo e adecuación de gálibos, o tratamento das trincheiras e terrapléns. Tamén dera conta da situación naquel momento, que fora encargada a redacción do proxecto, e falara da renovación da superestrutura de vía no trazado completo actual, informando que estaba o proxecto en redacción. De la Senra informara, ademais, que se deberían suprimir os 36 pasos a nivel dando conta que estaba en fase de adxudicación o expediente para a redacción dos proxectos.
E finalmente informou que estaba a se desenvolver o estudo informativo para definir as mellores alternativas en dous ámbitos: no tramo entre Ourense e Monforte de Lemos, a Variante dos Peares – Canabal; e, no tramo entre Monforte de Lemos e Lugo, a Variante de Rubián.
Trala moción de censura de xuño de 2018, das variantes non hai noticias, aseguran os populares, que congratúlanse das melloras licitadas recentemente neste tramo ferroviario, pero aseguran estar preocupados pola situación das variantes, “preocúpanos a falta de noticias sobre a situación das dúas variantes antes aludidas que son esenciais para a mellora efectiva dos tempos de viaxe desta conexión e das que en maio de 2018 dicíase que iniciara o estudo informativo”.
Iniciativas do PP sobre a liña Lugo Ourense
Os populares aseguran que desenvolveron as seguintes iniciativas:
- 30 de maio de 2019. Pregunta ao Goberno sobre que previsión tiña ADIF para concluír a redacción do proxecto de renovación total do tramo ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, incluíndo a parte das variantes inicialmente previstas dos Peares-Canabal e Rubián.
O 11 de xullo de 2019 o Goberno responde: “En relación co asunto interesado, sinálase que os proxectos de adecuación e mellora da vía correspondente ao tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo atópanse actualmente en redacción, cunha previsión de aprobación destes no verán de 2019. As posibles variantes atópanse en fase de estudo informativo”.
- 12 de decembro de 2019. Pregunta ao ADIF para saber se xa estaba concluída a redacción do estudo informativo das variantes.
O 6 de febreiro de 2020 o Goberno responde: “Como resposta á pregunta formulada polas súas señorías, infórmase que o actual Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana conta cos seguintes estudos informativos redactados:
- Variante ferroviaria Os Peares-Canabal (tramo Ourense-Monforte de Lemos da liña Monforte de Lemos-Vigo). Trátase dunha variante en vía única de 12 Qm aproximadamente, que permite un aforro de tempo máximo de 11 minutos e require un investimento na contorna de 530 millóns de euros.
- Variante ferroviaria de Rubián (tramo Monforte de Lemos-Lugo da liña León-A Coruña). Trátase dunha variante en vía única de 19 Qm aproximadamente, que permite un aforro de tempo máximo de 12 minutos e require un investimento na contorna dos 440 millóns de euros”.
- 11 de decembro de 2020. Formúlanse catro preguntas sobre estas variantes, interesándonos polo momento administrativo no que se atopan e sobre as datas que manexa Adif para a súa licitación.
O 10 de febreiro de 2021, o Goberno responde de forma conxunta ás catro preguntas dicindo: “En relación co asunto interesado, sinálase que a incorporación dunha nova liña ou tramo na Rede Ferroviaria de Interese Xeral require da aprobación dun Estudo Informativo”.