Candia destacou tamén a posta en marcha doutra obra financiada pola Xunta en Pantón que o alcalde sinala como “moi importante para todos os veciños porque permite ampliar a entrada a Ferreira”. Trátase do acondicionamento da zona do mosteiro das Bernardas que permitirá completar o paseo situado fronte ao mosteiro cisterciense, enlazando o núcleo de Ferreira coa praza do Curro. A estes traballos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 205.000 euros. Así mesmo, a Xunta financiou con cargo ao Plan Hurbe a humanización e acondicionamento de espazos no municipio coma a beirarrúa e a iluminación entre o Balneario e a fonte de Augas Santas.
A popular gabou “o valor natural e paisaxístico do concello de Pantón, así coma a riqueza cultural do seu territorio onde abundan as igrexas e mosteiros recoñecidos como Bens de Interese Cultural”. Nese sentido, a Xunta interven con máis de 260.000 euros na mellora da igrexa de Pombeiro, un templo declarado BIC e considerado unha das xoias do románico en Galicia. A Administración Autonómica dirixiu 4,5 millóns de euros á paisaxe cultural da Ribeira Sacra dende o ano 2017 para poñer en valor preto dunha vintena de bens patrimoniais entre os que se atopan tamén a igrexa de Santo Estevo de Atán ou o Mosteiro das Bernardas, no municipio de Pantón.
O concello de Pantón forma parte da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra xunto a outros 12 concellos lucenses e 12 ourensáns. Ao ser de carácter supramunicipal é a Xunta a que xestiona as axudas para a rehabilitación de vivendas e o prazo para que os propietarios soliciten estes apoios está aberto ata o 30 de setembro. “Este tipo de apoios da Xunta dirixidas á rehabilitación contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños e, polo tanto, favorecen o asentamento da poboación”, sinalou.
Prezo da luz
Elena Candia recordoulle ao BNG en Pantón, tras levar ao pleno municipal unha iniciativa para reclamar a baixada do prezo da luz, que “se dirixan ao Executivo de Pedro Sánchez, o mesmo que apoiaron para ser investido presidente, para esixirlle medidas ao respecto. O Goberno de coalición prometeu que non subiría o prezo da enerxía e que non quedaría ninguén atrás, pero o certo é que o encarecemento da factura da electricidade afecta a tódolos fogares”.