O PP considera preciso un incremento do persoal do que dispón a Policía Nacional en Monforte. “Garantir a seguridade pública é unha obriga institucional que dificilmente pode ser atendida se os corpos e forzas de seguridade non contan con cadros de persoal suficientes,” sinalan os populares.
No próximo pleno o PP defenderá unha moción para que o equipo de goberno leve a cabo as xestións oportunas coa autoridade competente para que non se produzan estas faltas de persoal da Policía Nacional, principalmente nas fins de semana. Pretenden tamén os populares que se organice un dispositivo especial en conxunto das policías Nacional e Local para que durante as noites da fin de semana non queden desatendidas as rúas de Monforte mentres non se arranxa o problema de persoal do colectivo de seguridade cidadán.
Katy Varela sinala que a competencia nesta materia corresponde ao Ministerio do interior, “pero é o alcalde, segundo a Lei de Bases de Réxime Local, o máximo representante do concello e debe mostrar preocupación polas situacións que se produzan no termo municipal”.