O PP de Monforte segue demandando unidade de atención temperá municipal

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos, Katy Varela, lamenta que o alcalde “continúe enrocado” en non solicitar as axudas para crear unha unidade de atención temperá neste municipio.

Katy Varela / PP Monforte

Dada a importancia deste servizo, os populares non descartan levar este asunto ao vindeiro pleno, ao igual que xa fixeron hai dous anos “Resulta incomprensible renunciar a un servizo tan importante coma este e tan valorado polas familias. A atención temperá constitúe a base para que os nenos con dificultades poidan ter un mellor desenvolvemento no futuro. Tomé só pensa no asfalto, pero dende o PP cremos que as persoas, neste caso os nenos  e nenas con necesidades especiais, están por riba de todo”, afirma.

Segundo os populares, o alcalde “mentiu” cando dixo publicamente que esta unidade do hospital de Monforte estaba pechada. “Non o está e, aínda que o seu desenvolvemento se viu interrompido pola crise sanitaria, actualmente continúa en formación, pero en absoluto se pechou”. Por tanto, Katy Varela considera que o socialista debería de poñerse en contacto coa dirección do hospital e preguntar sobre esta unidade.

As unidades de atención temperá de carácter municipal, dependentes da consellería de Política Social, levan anos funcionando. Recentemente, no Sur da provincia tamén se puxo en marcha a da comarca de Quiroga. Ademais, a Xunta subvenciona un 90% dos salarios dos traballadores, “polo que é inadmisible non aproveitar estes recursos”. “Será que o que non quere Tomé é traballar?, pregúntase Katy Varela, dado que a xestión é municipal por ser o Concello a administración máis próxima aos veciños.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here