Mellorar a prevención e as brigadas, solicita Courel Vivo

Despois dos incendios que o Courel viviu neste mes de xullo, Courel vivo presenta ao Pleno de Folgoso do Courel unha moción pola Prevención de Lumes e Reorganización de Brigadas para ter base no Concello. Unha demanda similar presentárase o pasado ano e non foi aprobada.

Incendio / Courel Vivo

Courel Vivo insiste en que tras a catástrofe deste mes de xullo, mantéñense as deficiencias que había o pasado ano e lembran que desde os grandes lumes do 2017, os expertos xa viñan avisando de que en todo o país ía haber lumes cada vez máis grandes e máis difíciles de atallar.

Consideran que a Xunta non toma medidas eficientes, recortando en medios e prevención. Piden loitar para que a Xunta de Galicia dote esta zona cunha brigada para a prevención e extinción durante todo o ano e outra de reforzo de 6 meses.

Apostan por traballar os tres Grupos do Concello en conxunto para protexer á xente, as aldeas e os montes en futuros incendios. Entre as deficiencias e necesidades sinalan: facer máis puntos de carga para motobombas e helicópteros, puntos que estean en boas condicións durante todo o ano; contar cunha brigada da Xunta no municipio e con varios carrocetistas, “hoxe hai a Motobomba Monforte 2 e non todo o día. Tal descoordinación viuse coa Motobomba parada en Folgoso mentres ardía Vilar.”

brigadas forestais incendio Courel / Facebook concello de Folgoso do Courel

Courel Vivo insiste en que comarcas menos forestais teñen moitos máis recursos de extinción que o Courel, que tampouco ten brigadas de reforzo, das recén creadas pola Xunta.

Lembran que a Xunta desmantelou a caseta de Piapáxaro, “anulando no Courel a posibilidade de que un vixiante detectase e coordinase a chegada rápida a un lume. Restablecendo ese punto, conseguiríase maior vixilancia e ademais xeraría postos de traballo na zona.”

Desde Courel Vivo cren que debería haber, cando menos, 2 brigadas de prevención no muncipio todo o ano que se adicaran á prevención, limpeza e acondicionamento de pistas de acceso ós montes, acondicionamento de puntos de auga, etc. “Poderían ser de arredor de 15 novos postos de traballo estables, tan precisos nesta zona. Co que se gastou na extinción do último Gran Lume, xa chegaba para os soldos de máis de 10 anos.”

Incendio Courel 2022 / Guillermo Díaz

Así a moción de Courel Vivo demanda:

  • Solicitarlle á Xunta de Galicia, 2 brigadas de prevención todo o ano no Concello.
  • Que desde o Distrito Forestal de Lemos e Xefatura Provincial de Lugo, dependente da Xunta de Galicia, se asigne unha Brigada de Extinción de todo o ano ó Courel reforzando a que hai con máis persoal e que se reorganicen as bases das sete brigadas de reforzo(as actuais de 5 meses), poñendo unha no Concello.
  • Que desde a Xunta de Galicia, o Concello, Confederación e falando coa veciñanza se tente dotar dun pozo de carga a cada aldea nas que se dean as condicións para usar con motobombas e se manteñan limpas as rodeiras de acceso ó monte que se consideren esenciais, acondicionadas para acceder cunha motobomba.
  • Que a Xunta nos novos plans de incendios contrate helicópteros para extinción con visión nocturna para seguridade de todo o país.
  • Actuar canto antes na reparación do incendio para que o monte teña menos escorrenta de cinza e terra cara a aldea e cara o río.
  • Solicitarlle á Xunta de Galicia máis axudas para plantar árbores autóctonas como castiñeiros, nas zonas de Montaña e potenciar a creación de pastizais, corta lumes naturais e axudan a afincar poboación.
  • Que as Brigadas municipais futuras comecen a traballar antes, ampliándolles os meses de contratación. Xa que no último gran lume, a 20 de Xullo non estaban co contrato vixente.
  • Que desde o Concello se traballe máis en serio nas faixas ás aldeas que marca a lei, para previr e non ter que lamentar.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here