Nun percorrido polas zonas do Courel máis afectadas polos lumes forestais do pasado verán, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, cualificou de “fracaso evidente” a actual política da Xunta de Galicia en materia de prevención e extinción de incendios. “As cifras falan por si soas. Este ano arderon máis de 11.000 has no Courel e na Pobra do Brollón. É o maior incendio rexistrado na historia de Galicia, unha catástrofe medioambiental, socioeconómica e cultural”.
José Tomé fixo fincapé na actitude de “lealdade, rigor e coherencia” coa que actuaron os socialistas lucenses ante o problema. “Mentres houbo incendios, a nosa prioridade foi estar cos veciños, achegar medios e loitar contra o lume. Non abrimos entón o debate por sentido da responsabilidade. Pero agora é o momento. A Xunta ten que dar explicacións, asumir a súas responsabilidades e poñer en marcha un cambio radical da súa política de prevención e extinción de lumes”.
O Secretario Xeral dos socialistas lucenses considera que a decisión da Fiscalía de abrir dilixencias de investigación sobre unha posible responsabilidade por inacción da Xunta no tema dos incendios “é un indicio máis de que non está facendo ben as cousas”.
Entre as deficiencias nos labores de prevención e extinción, que incidiron en que os incendios na provincia alcanzasen tal gravidade, José Tomé sinalou que as brigadas non estaban contratadas ou que os medios de extinción non estaban debidamente preparados.
José Tomé tamén criticou a xestión da alcaldesa como denunciaron xa os socialistas do Courel, “non tomaron nin unha soa medida de prevención e limpeza do monte dende que chegaron ao Concello”. Entre outras deficiencias, sinalaron que as brigadas municipais “comezaron a traballar moi tarde, o 23 de xullo, cando os incendios xa comezaran”.
Un acordo de país para cambiar a estratexia
Na súa visita ao Courel, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia reclamou “un acordo de país” que reformule a estratexia fronte aos incendios forestais, e que pasa, alo menos, polas seguintes medidas:
- Poñer o acento na prevención e na limpeza dos montes durante todo o ano, sobre todo ante as novas condición derivadas do cambio climático. “Todo o contrario do que fai a Xunta, que aposta todo á extinción. No ano 2021, dedicou 180M€ á loita contra o lume, dos que só o 20% foron para tarefas de prevención”, subliñou José Tomé.
- Implantar un servizo único, profesional, estable, formado, ben equipado e baixo o mando único da Xunta de Galicia. O Goberno galego “mantén un sistema precario e ineficaz: brigadas municipais contratadas de forma temporal, tarde (sen constituír en plena tempada de risco), sen formación suficiente, cunha mala coordinación, e cunha precariedade extrema, con cuadrillas mermadas, polo que teñen que asumir en ocasión xornadas de máis de 12 horas”, asegurou o líder dos socialistas lucenses.
- Publicar o PLADIGA en outubro, como establece o Real Decreto 15/2002, e que sexa un verdadeiro instrumento para a loita contra os lumes.
- Impulsar políticas transversais de usos agroagandeiros, forestais, turísticos ou culturais para manter o monte vivo e ordenado, porque “o fracaso da Xunta na loita contra o lume é outro exemplo da falta de modelo dos populares para o medio rural”, resaltou.
Homenaxe a José Rodríguez Arza, Barreiro
“Unha vida ao servizo dos veciños e veciñas de Folgoso do Courel, de compromiso total co socialismo e de vinculación co rural”. Así resumiu o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, a traxectoria vital de José Rodríguez Arza, coñecido como Barreiro.
Tomé Roca asistiu á homenaxe que os socialistas lle dedicaron a este veterano socialista do Courel, que, con 86 anos, foi concelleiro durante máis de tres mandatos.
No encontro de confraternidade participaron a voceira do partido no Concello, Carmen Álvarez, o ex Alcalde da localidade, José López Fontal, o rexedor de Pedrafita do Cebreiro e Deputado Provincial José Luis Raposo, e uns corenta compañeiros e compañeiras socialistas do municipio, que lle fixeron entrega a Barreiro dunha placa de recoñecemento.
Rodríguez Arza foi sempre labrador e segue a vivir na mesma casa de labranza na que pasou toda a súa vida. “A traxectoria vital de Barreiro é un exemplo de coherencia, de compromiso coa defensa dos seus veciños, do noso rural e dos valores propios do socialismo”, recalcou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.