Agroma Sober entende que a aldea modelo de Francos de Proendos pode ser unha oportunidade de creación de emprego local no sector primario se as Administracións se implican para apoiar especificamente ás persoas da zona.
O borrador do proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Francos de Proendos publícase o 16 de novembro do 2022. Identifica os usos históricos de cultivos e prados, na súa maioría, ademais de espazos con frondosas autóctonas caducifolias, así como a zona do núcleo rural coas vivendas. “Na actualidade, ademais destes, hai “pastos herbáceos”, que inclúe as zonas agrícolas tradicionais abandonadas. Identificáronse distintos usos, sendo forestal o maioritario, estando o 57,54% dos terreos en estado de abandono ou infrautilización”, sinalan desde Agroma Sober.
O proxecto de ordenación propón como actividade principal os cultivos de ciclo curto nas inmediacións do núcleo rural e gandaría en extensivo na maior parte do conxunto da zona, co obxectivo de protexer os carballos e castiñeiros.
Sinala o proxecto que “dentro das distintas posibilidades de gandaría extensiva, contémplase principalmente o aproveitamento para vacún de carne, gando porcino, ovino e cabrún. Calquera das modalidades elixidas deberá ser en extensivo e terán prioridade aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada e/ou en ecolóxico.” E que “será prioritario nalgunha zona a coexistencia de gando en extensivo e a produción de cultivos para o propio abastecemento da explotación, para garantir a sustentabilidade e multifuncionalidade do aproveitamento.” Tamén se contempla a apicultura como actividade complementaria en toda a aldea. Como actividades secundarias contémplanse froiteiras en toda a aldea e cultivos agrícolas na zona oeste.
Agroma Sober pide que nos criterios de valoración de arrendemento se puntúe moito máis que outros criterios, o ser da zona, e que teñan preferencia os proxectos de explotación presentados por cooperativas, persoas físicas ou PEMES fronte a multinacionais.
Aldea modelo un ano sen axudas
Neste 2022 a Xunta convocaba axudas para ampliación de servizos básicos nas aldeas modelo. O concello de Sober solicitounas para mellora da rede viaria, pero esgotouse o crédito desta partida da Xunta e as propostas que quedaron fóra este ano terán que agardar ao 2023, “cando este ano poderían optar a novas axudas para outras necesidades. A Xunta non preveu o suficiente crédito para estas actuacións necesarias nas aldeas modelo e quen paga é a cidadanía que incorporou as súas terras ao banco de terras e á que se lle prometeron melloras na súa contorna, podendo ser, ademais, estas melloras un aliciente para que máis persoas poidan incorporar as súas terras á aldea modelo”, aseguran desde Agroma Sober.
Segundo Agroma Sober, “para aproveitar ao máximo as posibilidades de emprego de xente da zona, deben promoverse cursos de formación nas actividaeds que se prevén para a aldea modelo: gandaría en extensivo e cultivo de froiteiras, así como apicultura, e que se podería incluír tamén a micoloxía como actividade complementaria.”