HomePolíticaIncreméntase en 756.000€ o orzamento para a residencia de maiores da Pobra...

Increméntase en 756.000€ o orzamento para a residencia de maiores da Pobra do Brollón

O alcalde, Xosé Lois Maceda acudiu ao Pleno provincial acompañado da vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, "quen xogou un papel fundamental neste avance", asegura Maceda.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este martes, 28 de marzo, o pleno provincial aprobou unha modificación orzamentaria para ampliar en 756 mil euros o orzamento para a construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón, no marco do convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Lugo.

Os fondos para executar as obras pasaron así de 1,74 a 2,44 M€, acorde coa suba de prezos no sector da construción, despois de que o prazo de presentación de ofertas do último concurso rematara sen que se presentasen ofertas por considerar que o orzamento era insuficiente. 

No primeiro concurso a empresa adxudicataria acabou incumprindo o contrato porque considerou que tería perdas, entrando deste xeito nun período de varios meses de desacordo xudicial.

Dende o equipo de goberno da Pobra do Brollón, o alcalde Xosé Lois Maceda explica que “o incremento orzamentario era necesario xa que os prezos iniciais do proxecto, que se remonta a 2018, quedaron desfasados.” O rexedor celebra que a Deputación de Lugo adoptase a decisión, que el considera “un paso fundamental para que por fin se faga realidade esta obra tan necesaria para a veciñanza da Pobra do Brollón. Hoxe é un día de satisfacción para A Pobra do Brollón xa que se aceleran os prazos de execución da residencia, que se vai construír con total seguridade”. 

Plan Único 2023

O Pleno tamén deu luz verde á relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2023, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial. As entidades locais danlle prioridade aos investimentos en obras e subministracións, aos que dedicarán 16M€, seguidos da creación de emprego, á que destinan 3,7M€,  e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,4M€. Maite Ferreiro lembrou que “desde o inicio de mandato propuxemos resolver coa máxima axilidade todos os procedementos necesarios para poñer os recursos do Plan Único a disposición dos concellos e estamos satisfeitas de cumprir un ano máis con este compromiso”.

ÚLTIMAS

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...