HomePolíticaPP e PSOE responsabilízanse entre si do "bloqueo" do porto seco de...

PP e PSOE responsabilízanse entre si do “bloqueo” do porto seco de Monforte

Os populares critican que o candidato á Xunta do PSdeG-PSOE “veu de paseo a Monforte sen aportar solucións ao porto seco cando está paralizado por Adif, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Demarcación de Estradas do Estado", dependentes do Goberno. E os socialistas aseguran que con Besteiro na Xunta, "poñerase fin a este bloqueo, e o Porto Seco pasará de estar como está agora, seco, a ser o exemplo da dinamización industrial, empresarial e ferroviaria de Galicia".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Katy Varela critica que o candidato á Xunta do PSdeG-PSOE “veu de paseo a Monforte” en lugar de anunciar novidades no avance do porto seco, “que está paralizado por Adif, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Demarcación de Estradas do Estado, todos organismos dependentes do Goberno de Pedro Sánchez”, insisten os populares.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, asegura que “unha vez finalizados os traballos administrativos e as obras de urbanización básicas do porto seco, cómpre completar as conexións deste polígono coas principais estradas da contorna, en particular, a N-120 e a LU-933, actuacións que son unha prioridade para a Xunta de Galicia, algo para o que en novembro de 2010 deseñouse e aprobouse o proxecto de construción da conexión do Porto Seco, a desenvolver en dúas fases”.

A  primeira fase corresponde co subtramo LU-933 – N-120, duns 1.100 metros de lonxitude. Neste punto a solución aprobada inicialmente pola Xunta era incompatible coa seleccionada polo Ministerio de Fomento no proxecto da Autovía A-76, polo que se acordou a redacción dun novo proxecto de trazado e impacto ambiental que definise unha situación compatible coa A-76. “Para 2024 a Xunta ten consignada unha partida de 500.000€ e está pendente a autorización por parte dos organismos estatais implicados”, aseguran desde o PP.

A vicevoceira popular no Parlamento de Galicia, Raquel Arias, afirmaba que “A realidade é que se o candidato do partido socialista á presidencia da Xunta tivese un interese real en desbloquear o Porto Seco de Monforte hoxe xa tería anunciado que o Goberno de Pedro Sánchez ten unha solución para avanzar nesta infraestrutura fundamental para o desenvolvemento económica da provincia”.

Pola súa banda, os socialistas lamentan que “despois de que Gómez Besteiro se comprometese en Monforte a desbloquear o Porto Seco e convertelo en nodo loxístico de referencia en Galicia e en Europa, a Xunta do PP sacara da manga unha adxudicación de solo a unha empresa”.

A Secretaria de Organización do PSdeG na provincia, Pilar García Porto, asegura que “despois de 10 anos sen mover un dedo polo Porto Seco, incluíndo partidas ridículas nos Orzamentos que nunca executan para os accesos, primeiro de 750.000€ e logo de 500.000€, e sen atraer ningún proxecto industrial, saen agora con este invento, só para intentar contrarrestar o anuncio de Besteiro, pero, con estes antecedentes, a credibilidade de Rueda xa é nula”.

Os socialistas lembran que nunhas eleccións municipais o Partido Popular prometera a instalación de tres empresas, “e aínda hoxe non hai nada”. Conclúen que cando Besteiro sexa Presidente da Xunta, “poñerá fin a este bloqueo, e o Porto Seco pasará de estar como está agora, seco, a ser o exemplo da dinamización industrial, empresarial e ferroviaria de Galicia”.

ÚLTIMAS

Xanela colabora nun módulo de FP do I.E.S. Val do Asma de Chantada

O pasado 29 de outubro o director de Xanela, Iñaki Castiñeira, foi de visita...

A asociación ‘Chantada contra o cancro’ anima a inscribirse na súa andaina solidaria

Conta atrás para a andaina solidaria que organiza dende hai 5 anos a 'Asociación...

O 5 de novembro Monforte inicia campaña para a mellora de xestión de residuos

O Concello de Monforte inicia esta semana unha campaña informativa entre a cidadanía de...

Os polos de emprendemento da provincia recibirán 650.000€ da Xunta o vindeiro ano

Os polos de emprendemento da provincia atenderon desde a súa posta en funcionamento, hai...