Esperta Monforte lembra que tiñan presentado en xaneiro de 2021 unha moción para evitar accidentes e protexer aos peóns e que desde o 98 a Policía Local tiña encargado facer un informe sobre os pasos de peóns con mala visibilidade. Agradecen desde Esperta Monforte que este tipo de demandas foran consideradas e atendidas e insisten na necesidade de comunicación entre representantes políticos e comunidade.
Para seguir aumentando a seguridade de peóns presentan unha moción para unha “Cidade 30”, para garantir un límite de velocidade de 30Km/h, nas rúas dun carril por sentido de circulación tal e como entrou en vigor o 11 de maio de 2021. Para conseguilo, Esperta propón: campaña de comunicación sobre a normativa e a súa aplicación, proceso de participación cidadá creando espazos de debate, revisión e adaptación da normativa municipal, modificar a sinalización, crear un plan de mobilidade urbana sustentable e desenvolver un plan de medidas de calmado do tráfico.
Piden tamén limitación a 20Km/h na rúa Zapardiel, “que se poñan bandas redutoras de velocidade e sinalizar que non se pode superar esta velocidade. Esta estrada é perigosa por estreita e mal iluminada polo que debería mellorarse a iluminación e contar con vixilancia da Policía Local”.
Esperta Monforte presenta ao pleno deste último luns de mes en Monforte, unha moción sobre a sanidade en Galicia, na que piden demandar da Presidencia da Xunta e da Consellería de Sanidade: incrementar o orzamento sanitario, especialmente en atención primaria, incrementar o persoal, abrir os centros de saúde pechados, reintegrar o servizo de ambulancias ao sistema público, plan urxdente para racionalizar as listas de agarda, elaborar un plan de saúde mental, concursos publicos transparentes e abertos para cubrir cargos de xestión, recuperar as xerencias de atención primaria e a súa capacidade de resolución,… Fan un chamamento á mobilización social e lembran que o día 4 de febreiro hai unha manifestación na Praza do Obradoiro, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia.
Esperta Monforte pide tamén maior control da zona C por parte da policía local, xa que esta nova área utilízase para facer o botellón e pregúntalle a Tomé como presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros, que ten pensado facer cada vez que se pecha o parque de bombeiros de Monforte.