Os populares afean a actitude “arrogante e déspota” de José Tomé en relación ás negociacións co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para tentar evitar que traslade fóra da cidade a súa sede principal.
“Tanto no pleno do Concello coma no da Deputación de Lugo deixou clara a súa negativa a contactar cos responsables deste órgano”; polo que Katy Varela considera que “está a poñer o seu orgullo persoal por riba do beneficio para a cidade”.
Os populares levaron ao pleno de Monforte unha iniciativa para executar as actuacións necesarias para manter a sede do CRAEGA en Monforte, proposta que foi aprobada por toda a oposición e o voto en contra do equipo de goberno.
Dende o Grupo do PP na Deputación de Lugo propuxeron no pleno provincial que iniciase as negociacións para ceder ao CRAEGA as dependencias e terreos actualmente en desuso no Pazo de Tor que é de titularidade provincial. “Pero PSOE e BNG votaron en contra. E tras darse un empate na votación foi José Tomé, co seu voto de calidade como presidente, o que rexeitou esta proposta”, explican os populares. Esta iniciativa constitúe unha alternativa que o propio Consello Regulador ve con bos ollos e que, incluso, “xa propuxera o anterior goberno provincial tamén cun presidente do PSOE, pero que, coa chegada de Tomé á presidencia da Deputación, quedou en nada”, subliñan.
O portavoz do PP provincial, Antonio Ameijide, condena que, “por un capricho de José Tomé, Monforte deixe de ser a sede dun órgano cun ámbito de actuación a nivel autonómico que xera unha vintena de empregos na zona sur da provincia onde viven os seus traballadores”.
Lembran os populares o seu interese en que o CRAEGA se manteña na cidade do Cabe e a vontade de colaboración da Consellería do Medio Rural, e lamentan que “mentres tanto Tomé e o PSOE nin sequera son capaces de falar e tentar negociar”.