HomePolíticaO BNG reclama maior implicación económica da Xunta no mantemento das vivendas...

O BNG reclama maior implicación económica da Xunta no mantemento das vivendas comunitarias de Samos

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou este xoves o concello de Samos onde mantivo un encontro co goberno municipal liderado pola alcaldesa, María Jesús López, para coñecer de primeira man as cuestións que máis preocupan neste municipio, entre elas o financiamento dos servizos públicos, como as vivendas comunitarias.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Pontón avanzou en Samos que o BNG demanda unha maior implicación económica da Xunta na financiación das vivendas comunitarias e do apartamento tutelado de Samos, “tendo en conta que a día de hoxe o concello vese obrigado a cubrir unha parte dos gastos con orzamentos municipais para compensar a insuficiente aportación do Goberno de Rueda pese a que o dereito a vivenda excede o ámbito local”.

“Facilitar o dereito esencial á vivenda é responsabilidade da Xunta”, alegou a líder nacionalista. Samos conta con dúas vivendas comunitarias para a terceira idade e un apartamento tutelado situados no mesmo edificio, no que comparten servizos comúns como comedor, sala de estar, lavandaría, persoal e gastos.

Pontón referiuse a estas vivendas como “caso paradigmático dos problemas financeiros que soportan os concellos, que moitas veces teñen que asumir o custe de servicios que non son da súa competencia. Os concellos galegos están infrafinanciados e aínda por riba, en moitos casos, asumen competencias que lle corresponden á Xunta para darlle á veciñanza servizos que melloren o seu nivel de vida”, expuxo a líder do Bloque, tras denunciar a “discriminación” financeira que sofren os concellos do rural, sobre todo os máis pequenos. 

Explican desde o BNG que as vivendas comunitarias non é o único servizo do que o concello de Samos asume un custe de xestión que non lle corresponde, “tamén se fai cargo de sufragar os gastos de limpeza, mantemento corrente do ascensor e da caldeira do centro escolar, pese a tratarse dun servizo educativo competencia da Xunta”. 

O mesmo pasa á hora de correr cos gastos de contratación dun técnico de turismo, ao que Samos está obrigado dada a súa consideración de concello turístico, “un gasto extra do que o Executivo do PP se despreocupa pese a ter competencias en turismo pero leva anos sen ningún tipo de axuda ou subvención aos municipios para manter este persoal”.

Pola súa parte a alcaldesa destacou que a Xunta “é especialista en botar balóns fóra cargando de responsabilidades aos concellos sen dotalos do financiamento suficiente, cárganos con gastos que non nos corresponden como sucede co SAF (servizo de atención no fogar), para o que non recibimos o 100% do que custa sendo ademais o concello o que ten que facer a xestión”, explicou durante a visita da portavoz nacional do BNG, a quen trasladou todas estas cuestións que preocupan ao goberno local en relación a xestión do concello de Samos.

Ana Pontón en Samos / BNG

ÚLTIMAS

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...

Coordinación entre concellos para mellorar a recollida de residuos

Tras varias xornadas de traballo, nos diferentes concellos adoptaranse medidas conxuntas para dar resposta...