HomePolíticaTomé asegura que o 2024 foi un ano espectacular e histórico para...

Tomé asegura que o 2024 foi un ano espectacular e histórico para Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo balance do ano 2024, en rolda de prensa, ano que calificou de “espectacular, trascendental e excepcional para o Concello de Monforte, sen dúbida o mellor ano en décadas e que abre as portas a un ano 2025 aínda mellor”.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

José Tomé explicou, como xa fixera previamente en entrevista co Xornal de Lemos, que “durante o ano 2024, realizáronse obras importantes, iniciáronse outras e asináronse convenios que van dar continuidade a este escenario tan positivo para Monforte nos vindeiros anos. Así que, eu creo que podemos dicir que 2024 foi un ano transcendental polos investimentos levados a cabo, como polos compromisos asinados para o futuro, e tamén polas melloras no apartado económico e social”, e engadiu que “os datos son moi bos, por iso digo que Monforte vai ben e que aínda vai ir mellor”.

“O 2024, foi un ano excelente para Monforte, tanto pola cantidade e calidade dos logros acadados, como polas obras postas en marcha, todas elas son o resultado de moito traballo, de moito esforzo e de moitas negociacións durante meses ou anos, para obter estes bos resultados”, explica o alcalde.

Tomé indicou que un dos seus obxectivos dende a súa chegada á Alcaldía en 2015 era frear a caída de poboación que se viña producindo dende finais dos ano 90 do século pasado, e “ese obxectivo acadámolo no ano 2022, reforzado en 2023, onde segundo o INE, empezamos o ano 2024 con 18.572 habitantes o que representa aproximadamente 500 persoas máis con referencia a 2021, un 3% máis de persoas empadroadas no noso Concello, e a proxección é que sigamos en liña ascendente”.

Neste senso, o rexedor monfortino aludiu a que si estes datos oficiais son bos “a situación real, é moito mellor, é dicir, si todas as persoas que viven en Monforte estiveran empadroadas, superaríamos os 20.000 habitantes. De dereito temos 18.572 a 31 de decembro de 2023, pero de feito superamos os 20.000 habitantes, porque hai xente que traballa ou reside en Monforte, pero están censados nos concellos de orixe”.

Polo que respecta ó ámbito laboral, os datos do paro son tamén moi significativos. Cando José Tomé accedeu á alcaldía de Monforte a mediados de 2015 había en Monforte 1.549 persoas rexistradas como paradas, o que representaba practicamente un 20% (19,85%) e a finais de 2024, en novembro, hai rexistrados 951 parados, un 12% (11,98%), 8 puntos menos, que representa unha baixada do paro en 600 persoas (598), sen dúbida un dato moi importante.

Segundo os datos da Seguridade Social, en 2015, Monforte contaba con 4.494 afiliados á Seguridade Social e en novembro de 2024 (último dato publicado), hai 4.656 cotizantes inscritos, un 3,6% máis.

Como consecuencia de todas estas melloras, a renda por habitante subiu considerablemente, xa que en 2015 era de 19.901 euros, mentres que en decembro de 2022, era de 24.395 euros, é dicir, 4.494€, practicamente 4.500 €/ano máis, o que representa un 22,58% de aumento en riqueza dispoñible, e seguiu aumentando nos dous últimos anos, co cal a día de hoxe é bastante maior.

Piares básicos do Executivo de José Tomé: servizos sociais e inversións

Neste senso, no pasado ano 2024, o Alcalde destacou que o Concello de Monforte tivo o maior orzamento da historia en Servizos Sociais, chegando ós 2.230.000 euros, o que lle permitiu atender a servizos tan importantes como Axuda no Fogar, emerxencias sociais, eficiencia enerxética, o programa Xantar na Casa, material escolar e libros, bus para estudantes, buses escolares dos Centros públicos de Primaria da cidade, a Gardaría Municipal, axudas a Asociacións, o Plan Activa, o Campamento de Verán e as actividades do Centro de Información á Muller (CIM).

No ámbito dos deportes, tamén foi un ano para recordar, porque o Alcalde e o Equipo de Goberno seguiron aumentando as axudas ó deporte, tanto ós Clubs como ós deportistas individuais. Ademais, o calendario de eventos que acolleu Monforte en 2024 ou que xestionou o Equipo de Goberno para o presente ano 2025, “son sen dúbida moi relevantes”.

Polo que respecta á Área de Cultura e Turismo, “fixemos tamén o maior esforzo da historia do noso Concello, tanto nas actividades ordinarias, como no verán cultural ou a Feira Medieval, o Festival do Viño, as Festas Patronais, a música local, ou a promoción turística, superando nesta área amplamente máis de 1 millón  de euros”.

Máis de 55M€ en investimentos transversais

Tamén deu conta o alcalde dos investimentos que se deron en todos os ámbitos, sobre todo en infraestruturas, en rúas, pistas e estradas, en saneamento e abastecemento de auga, no Polígono industrial do Reboredo, en Medio Ambiente, en instalacións deportivas ou en iluminación pública.

Neste senso, José Tomé quixo poñer en valor un dato histórico, “Monforte beneficiouse en 2024 de 50 millóns de euros de inversións, sen ter en conta, outras inversións que sendo importantes teñen un carácter menor e que chegan ata os 55 millóns de euros:

  • A instalación, que está a piques de rematar, da nova tubaxe xeral de abastecemento de auga potable, cun investimento de 1,7 M€.
  • O inicio das obras de supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes por 8,3 M€.
  • A mellora integral da Piscina climatizada municipal por 2 M€, cuxa obra deu comezo en outubro de 2024.
  • A instalación dunha nova caldeira da Piscina e dotación de mobiliario, cun investimento de 300.000 €.
  • O inicio das obras da nova Comisaría Nacional de Policía, cun orzamento de 3,8 M€.
  • A urbanización da Zona D, que actualmente está en licitación por 430.000 €.
  • O inicio dos traballos de construción da nova depuradora do Polígono do Reboredo, por 4,6 M€.
  • A construción do que é o primeiro estacionamento do Polígono do Reboredo, cunha inversión de 320.000€.
  • A Ponte Nova do Malecón, sobre a que o Alcalde explicou que o seu proxecto foi adaptado ó novo Plan Hidrolóxico Nacional. Este proxecto conta cun investimento de 2 M€.
  • Documento de aprobación inicial da Praia Fluvial, que estará listo, máis ou menos no prazo dun mes, e no que o Executivo de José Tomé investe 5 M€.
  • A conexión da N-120a coa N-120 e co Polígono do Reboredo, por 7,5 M€, que inclúe ampliar o arcén da actual recta de Distriz da N-120a.
  • A construción da Senda peonil e ciclista de 4 km., desde Correos ata as monxas do Asilo San José, por 4,1 M€.
  • E a renovación de todas as tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento de auga potable en toda a cidade, cun investimento 10 M€, o que supón un fito histórico, dado que foi conseguido a través dun acordo do Consello de Ministros do Goberno de España.

“Por iso entenderán, que cando digo que Monforte vai ben, e que aínda vai ir mellor, é porque o noso compromiso é seguir traballando por e para Monforte, para seguir facendo historia, co obxectivo de que os monfortinos e as monfortinas, se sintan orgullosos do seu Concello”, concluíu o Alcalde.

Tamén anunciou José Tomé que nos primeiros meses do presente ano 2025, informará de varios proxectos e inversións importantes, “que estou seguro que lle van permitir a Monforte seguir nesta boa racha histórica”.

ÚLTIMAS

Delia González, unha filla da emigración galega a Arxentina con raíces en Pantón

Encarnación verbalizaba as palabras mentres súa nora, Flora, escribíaas na mesma cociña, ao carón...

Convócase o Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais de Monforte

O Concello de Monforte convoca o XX Concurso de deseño de carteis das Festas...

Excarcerado tras saírse da vía e caer por un terraplén en Sober

Tal como informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 23.00 horas no...

O PP pedirá no pleno un plan de mellora das zonas de ocio

A voceira popular, Katy Varela, explica que, pese a que son numerosas as zonas...