HomeEconomíaO Concello de Chantada aproba os presupostos deste ano que ascenden a...

O Concello de Chantada aproba os presupostos deste ano que ascenden a 9.400.000€

O Concello de Chantada aprobaba no pleno que celebrou este xoves o orzamento para este ano que ascende a 9.400.000€, o que supón un importante incremento con respecto ao exercicio 2024 no que o presuposto era de 8.425.014€.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destaca que son uns presupostos completamente realistas nos que non inclúen subvencións que se agarda recibir, “Son absolutamente realistas, o que experimenta a subida é a transferencia que nos fixo o Estado o ano pasado que foi de 420.000€. Este ano se aproban os orzamentos sería de ao redor de 530.000€. Aínda que imos conseguir grande cantidade de investimentos, sobre todo por parte da Xunta, non os contemplamos. Son cartos que entrarán e onde o concello será o adxudicatario, pero ese tipo de obras non as incluímos para non inflar o presuposto e curarse en saúde no caso de que non cheguen, pero chegarán”.

No apartado de gastos, a maior porcentaxe corresponde a gastos correntes en bens e servizos que se leva 4.443.396€ e os gastos de persoal que supoñen 3.393.981€. A este repecto o Concello de Chantada sacaba adiante no 2023 a Relación de Postos de Traballo (RPT). Esta normalización do persoal funcionario e persoal laboral do Concello supuxo un incremento do gasto menor do esperado, supoñendo o capítulo de gastos de persoal un 35%.

O capítulo 2 de gastos correntes en bens e servizos é unha contía importante, case 4 millóns e medio, dos que unha grande parte se destina ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), como explica o alcalde, “O SAF cústanos ao redor de 400.000€ e temos dadas todas as horas de dependencia, todas as persoas que demandan o servizo reciben atención. Entre a Xunta, o Concello e o que aportan os cidadáns o gasto total do SAF está ao redor de 1.200.000€”.

Neste capítulo inclúese tamén o diñeiro para facer fronte á recollida de lixo, ós pagos a Sogama, as aportacións que hai que facer para a Gardaría Municipal ou o Centro de Día, os gastos de alumeado e outras obras menores que hai que executar ao longo do ano, “Son habituais obras na ribeira por incidencias e desprendementos, por exemplo con esta tempada de chuvias. Solucionar estas cuestións cotiás suma unha cantidade importante para as arcas municipais”, sinala o rexedor.

Dentro dos gastos destácase a partida de 325.000€, a través dunha operación de creto, para facer a aportación das obras que executará a Confederación Hidrográfica Miño Sil para a canalización dos regatos da vila.

Con todo estes orzamentos permitirán rematar dúas obras importantes que se viñeron desenvolvendo no 2024, “Pensamos inaugurar o centro de atención temperá e a biblioteca nova, dúas obras estrela que agora se rematarán. Con atención temperá esperamos a que Agader aprobe o plan que temos cos outros concellos para poder distribuír as axudas, a través de aí conseguimos no 24 case 90.000€ para a obra do centro de atención temperá, e este ano esperamos poder meter unha partida de 130.000€ para poder dotalo de mobiliario, se non utilizaremos fondos propios”.

No estado de ingresos destacan os 4.905.501€ de transferencias correntes de capital tanto do Estado, como da Xunta e da Deputación, que permiten executar importantes actuacións, e os 2.595.459€ de impostos directos, onde a partida máis importante é o IBI polo que o Concello de Chantada ingresa 1.583.000€, nesta recadación destaca o IBI que paga o encoro de Belesar.

O Concello de Chantada ingresará ademais ao redor de 250.000€, non contabilizados e xa concedidos que se recibirá nun par de meses como axudas á eficiencia e aforro enerxético para darlle servizo ao centro de atención temperá, á biblioteca e ás piscinas municipais a través da xeotermia.

Tampouco se inclúe nos orzamentos o remanente de 580.000€ que deixa o 2024, “Ese remanente permitiranos facer máis quilómetros de aglomerado en quente no rural e outras obras, incluso amortizar unha pequena débeda que adquirimos no seu momento para levar  subministración eléctrica ao Polígono do Acivros. Son uns presupostos completamente realistas para non ter que facer correccións á baixa”.

Coa aprobación dos presupostos, o alcalde anuncia que neste ano o recibo de lixo da zona urbana de Chantada deixará de ir co recibo da auga, “Imos a externalizar eses recibos para pasarlle á Deputación a recollida de lixo no rural e na zona urbana”. Os orzamentos sairon adiante cos votos a favor do equipo de goberno e votando en contra a oposición.

ÚLTIMAS

A CIG e o BNG de Monforte en contra da OEP do concello “porque exclúe ás persoas con discapacidade”

O día 29 de xaneiro, na mesa xeral de negociación celebrada no Concello de...

“El marinero” preséntase no Casino de Chantada este 31 de xaneiro

A Irmandade Cultural País do Faro organiza a presentación do libro "El marinero", de...

1º Concurso de Carteis da Feira do Viño de Vilachá

O Concello da Pobra do Brollón únese a outros concellos da contorna convocando un...

Pedro Blanco anima en Ribas de Sil a que os concellos soliciten as axudas do IDAE para renovar o alumeado público

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou ás entidades locais de Galicia...