O candidato do PP naceu no 1970 na Cruz do Incio, é funcionario no Concello do Incio desde os 24 anos. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, foi presidente da ANPA do colexio do Incio.
A presidenta do Partido, Elena Candia, puxo en valor “a vontade e capacidade de traballo” do candidato e a súa implicación cun proxecto que pretende “devolver ao Concello do Incio unha xestión que teña en conta a realidade diaria do municipio e as necesidades dos seus veciños”; pero que tamén “poña en valor as súas posibilidades”.
A dirixente dos populares da provincia asegurou que “todo canto se fixo no Incio é responsabilidade e froito de gobernos do PP, como a restauración por parte da Xunta da igrexa de Santa Cruz do Incio, paso previo para a súa futura declaración como Ben de Interese Cultural (BIC)”
Héctor Corujo lamenta a “desorganización” na xestión do actual goberno municipal e di apostar por “organizar e planificar os servizos que presta o Concello, como a recollida do lixo “que agora se realiza unha única vez por semana modificando as rutas constantemente”.
“Un dos asuntos sobre os que debemos traballar primeiro é o problema da suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ou contribución. Catastro considera solares a algunhas parcelas que deben tributar como tal, pero coa modificación do Plan Xeral daríase solución a este problema”. Corujo explica que “eses traballos xa quedaron iniciados no 2010 co goberno do PP e case dous mandatos despois co actual goberno do PSOE está sen aprobar”.
O candidato popular aposta por “poñer en valor e dar a coñecer o noso concello situado estratexicamente entre O Courel e a Ribeira Sacra” e define o concello como “porta de entrada natural ao Courel”.