A voceira popular, Katy Varela, destaca que “non se trata de cores políticas, senón de servizos xustos para todos os monfortinos” polo que “agardamos a unanimidade do pleno” para instar ao Ministerio de Transportes a que se restablezan os servicios ferroviarios suprimidos antes da pandemia da Covid, como por exemplo, recuperando o tren nocturno a Barcelona ou que se melloren e amplíen as conexións ferroviarias da cidade coa saída do Ave desde Ourense.
Tampouco esquecen os populares “a necesidade de rematar canto antes” as obras da estación de tren, polo que tamén se defenderá que o Concello de Monforte de Lemos inste ao Ministerio de Transportes a finalizar a execución destes traballos.
Katy Varela recorda “o esperpento que vivimos todos os monfortinos co pregón das patronais a cargo da actualmente investigada, Isabel Pardo de Vera, no que tanto ela como o alcalde presumían dos investimentos na provincia en materia de ferrocarril”.
“A realidade é que non só reduciron notablemente os investimentos prometidos por Mariano Rajoy, deixando a nosa provincia sen alta velocidade, senón que moitas das frecuencias anteriores á covid non foron restablecidas e as conexións co Ave a Ourense son insuficientes, deixando a Monforte fóra do mapa galego do turismo”, lamentou.
Como exemplo da “deficiente conexión” co Ave a Madrid desde a Ourense falan de que o primeiro tren que conecta Monforte coa capital de España chega a destino ás dúas da tarde, “dificultando polo tanto a posibilidade de facer xestións de mañá sen botar a noite na cidade”.