Os populares aseguran que PSOE e BNG “seguen a negar a atención prometida aos veciños da provincia ao non querer poñer en servizo as 153 prazas de atención a maiores nos oito centros de día provinciais (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro) que están pechados desde 2019”.
Antonio Ameijide afirma que dende o goberno provincial deberían ter posto en funcionamento os centros de día ao mesmo tempo que as residencias. Segundo o voceiro popular, a posta en marcha dos centros de día provinciais non terían un custo excesivo para as arcas provinciais xa que moitos dos servizos serían compartidos coas residencias polo que habería gastos fixos.
Pola súa banda, a voceira do PP en Ribas de Sil, Sandra Macía, reclama a posta en marcha deste servizo “xa que é fundamental no municipio” ademais de recordar que “tanto PSOE como BNG dende a Deputación deberían de preocuparse por garantir que o subministro eléctrico no edificio se mantén estable todo o día”. Macía fai referencia aos numerosos cortes de luz no servizo polo que insta a José Tomé a estudar a instalación dun sistema eléctrico de emerxencia para garantir o subministro cando se producen apagóns.
692.428,36€ para o Centro de Maiores de Ribas de Sil
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou esta semana a licitación dos contratos para a prestación dos servizos básicos nos 9 Centros de Atención a Maiores que a institución provincial ten en funcionamento por un importe conxunto de case 7M€. Ao Centro de Maiores de Ribas de Sil destinan 692.428,36€.
A institución provincial ten nestes momentos 9 residencias abertas (Castroverde, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil e Trabada) e “avanzamos a bo ritmo na construción dos centros de Becerreá, Guitiriz, A Pobra do Brollón e A Pontenova. E á vez, seguimos traballando nos proxectos dos centros que se abrirán en Portomarín, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Pantón”.