A semanas da vendima, IGV denuncia que se continúe sen respostas nin soluciós por parte da Consellaría de Medio Rural. Consideran tamén que a crise estrutural e de modelo debería obrigar tamén ao Consello Regulador a pronunciarse con contundencia, “pois dá a sensación de que as pequenas e pequenos vitucultores non teñen voz e o único que trascende ao público son os anuncios propagandísticos da Xunta”.
Xa a finais de 2023 e comezando 2024, IGV alertaba dunha «crise de excedentes de uva» que engade presión ao sector, perante a incapacidade das adegas para recoller toda a produción e a escasa presenza da novas xeración de viticultores. “Canto ás supostas axudas, non chegaron á base de produtores, ou apenas uns centos de euros, algo anecdótico”, afirman e lamentan que caera en saco roto a súa solicitude dunha fronte común de alcaldías da Ribeira Sacra para exixiren medidas da Xunta.
Segundo estimaciós dos sindicatos agrarios, entre 1,3 e 2 millóns de quilos de uva poderían quedar sen recoller esta vendima, cando faltan semanas para o seu inicio. “Unha segunda campaña consecutiva sen recollida pode resultar mortal para a DO”, apuntan e demandan as seguintes mediadas:
- Elaborar un estudo de custes do quilo de uva, con atención a cada subzona da Ribeira Sacra, para evitar que se continúe incumprindo flagrantemente a Lei da Cadea Alimentar.
- Compromiso público de recollida de uva por parte das adegas, con prezos xustos e garantía de recoñecemento da súa produtividade.
- Estabelecer incentivos directos ao viñedo en socalco, para preservar unha paisaxe declarada candidata a Patrimonio da Humanidade, sen excluír o autoconsumo ou aquelas parcelas que non se acollan á DO, pois a paisaxe mantéñena igualmente.
- Adaptar a PAC para priorizar o cultivo en ladeira e aplicalo ao viñedo e deter novas plantacións que non repeiten o terreo tradicional.
- Plan de relevo xeracional, impulsando a incorporación de persoas novas ao cultivo da viña.
- Promover a diferenciación por subzonas e simplificar a burocracia para viticultores.
- Desenvolver liñas de axuda que non exclúan na práctica, polos requisitos e pola burocracia, ás persoas viticultoras, xa que a realidade da Ribeira Sacra é unha superficie media de 0,5 ha.
Lembran que non hai Patrimonio da Humanidade sen persoas e sen ribeiras e fan un chamamento á mobilización cidadá “A Ribeira Sacra está en perigo e merece ser defendida”, conclúen.