Folgoso do Courel é un dos territorios máis singulares e vulnerables de Galicia, e sen embargo, leva anos minguando os servizos de preparación fronte incendios forestais, “agravadas pola escaseza de medios e pola falta de coordinación institucional. No ano 2022 ardeu preto do 60% da superficie do termo municipal. Curiosamente, dende entón a capacidade operativa diminuíu”, aseguran.
- En 2022 e en anos anteriores, formáronse 2 brigadas completas municipais con 13 persoas contratadas polo propio concello: 8 peóns, 2 xefes de brigada e 3 condutores de motobomba.
- Nos anos 2024 e 2025, só se asignou 1 brigada e 1 condutor de motobomba municipal para todo o municipio.
A isto engaden que a Xunta de Galicia non dispón de ningunha brigada de reforzo en toda a comarca do Courel e consideran que na actualidade a situación é máis precaria que antes do grande incendio de 2022, e enumeran cuestións como;
- Moitos tanques de auga están avariados ou perden, polo que non se poden empregar en caso de emerxencia.
- Varias aldeas non cumpren coa franxa de seguranza de 50 metros, como marca a Lei 3/2007.
- As pistas de titularidade forestal non son repasadas desde fai moito tempo e nalgúns casos non están transitables.
- As notificacións por incumprimentos de xestión de biomasa están a ser enviadas en pleno mes de agosto, coincidindo coa vaga de calor e cando se producen algúns incendios iniciados precisamente por maquinaria desbrozadora.
- Os desbroces das estradas das distintas administracións están a realizarse en Agosto, en vez de anticiparse na primavera como medida preventiva.
- Os medios que a Xunta de Galicia ten no Courel para a extinción son case nulos.
- Faltan “bocas de rego” e mangueiras en moitas aldeas, deixándoas inoperativas.
É imprescindible actuar con rigor, planificación e sentido común. O Concello ten competencias e obrigas en materia de prevención e defensa contra incendios, segundo a Lei 3/2007 e o PLADIGA, especialmente no relativo á xestión de biomasa, accesos, abastecemento de auga e coordinación local.
Courel Vivo lembra que a Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais recolle: “Os concellos deberán prever, no seu plan municipal de prevención e defensa, as infraestruturas necesarias para garantir o acceso dos servizos de extinción.”
Coa moción, Courel Vivo solicita:
- Revisión e actualización inmediata do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, con implicación técnica e participación veciñal.
- Inventariado e clasificación de todas as pistas forestais de titularidade municipal, para programar melloras, limpeza e ensanches onde sexa necesario garantir o acceso de medios de extinción.
- Informe técnico sobre o estado de todos os tanques de auga do municipio, con proposta de reparacións e execución das mesmas antes do verán de 2026.
- Solicitude formal á Xunta de Galicia para:
- Recuperar o dispositivo humano de 2022 (2 brigadas + 3 condutores)
- Asignar, ademais, brigadas de reforzo na comarca do Courel, ao igual que nas outras zonas do distrito.
- Subvencións para mellora de puntos de auga e accesos estratéxicos.
- Establecer un calendario de notificacións e desbroces preventivos que non coincidan cos meses de máximo risco, evitando traballos con maquinaria en pleno agosto.
- Campaña informativa anual sobre obrigas e boas prácticas en prevención de incendios, cun enfoque positivo para a veciñanza. Pola seguridade de tod@s
- Actuar máis en colaboración coa Xunta, Seaga ou outras entidades para a execución subsidiaria de franxas de seguranza e a xestión sostible da biomasa.
- Coordinación coa veciñanza e voluntari@s para reforzar a vixilancia e o aproveitamento activo do monte.