Desde o grupo lembran que o dereito a unha vivenda digna e axeitada está recoñecido no artigo 47 da Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia, mais denuncian que nos últimos anos o acceso á vivenda, “particularmente en réxime de alugueiro, se converteu nun dos principais problemas para a veciñanza tamén en Chantada”. Así o avalan, ademais, os datos do CIS, que sitúan a vivenda como a principal preocupación cidadá.
Por Chantada – Interior Galego Vivo advirte da existencia dun número elevado de vivendas baleiras no municipio, tanto na vila como nas parroquias, que fican fóra do mercado durante longos períodos, “incumprindo a función social da propiedade e contribuíndo á escaseza de oferta e ao aumento dos prezos”.
A moción tamén pon o foco no abandono progresivo do rural e na perda de poboación das aldeas, defendendo que facilitar vivenda digna é unha ferramenta chave para manter vivos os núcleos rurais e frear o seu esmorecemento. Neste sentido, o grupo lembra que xa no ano 2020 se aprobou por unanimidade unha moción sobre edificacións ruinosas e vivendas abandonadas, da que cinco anos despois non se materializou ningún avance significativo.
Entre as propostas concretas recollidas na moción destacan:
- A elaboración dun censo municipal de vivendas baleiras e dun censo voluntario de demandantes de alugueiro, co obxectivo de coñecer a realidade da oferta e da demanda no municipio.
- O estabelecemento de incentivos fiscais municipais para quen incorpore vivendas baleiras ao alugueiro como residencia habitual, especialmente no ámbito rural, incluíndo bonificacións no IBI e reduccións ou exencións no ICIO e noutras taxas municipais para obras de rehabilitación destinadas ao alugueiro non estacional.
- O estudo da modificación da ordenanza do IBI para aplicar recargos ás vivendas desocupadas, de acordo coa Lei estatal polo dereito á vivenda.
- A creación dun programa municipal de intermediación no alugueiro, no que o Concello actúe como mediador entre persoas propietarias e inquilinas, ofrecendo seguridade xurídica.
- O impulso de convenios coa Xunta de Galicia e entidades do terceiro sector para ampliar o parque público e social de vivenda.
- O desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización dirixidas ás persoas propietarias de vivendas baleiras.
- A realización dunha avaliación periódica das medidas adoptadas para mellorar a súa eficacia.

