Os populares analizaron durante a xuntanza, a situación que padece Monforte de Lemos, “co escándalo que envolve ao seu alcalde con presuntas denuncias por acoso sexual. Unha situación grave que non só dana a imaxe institucional do Concello, senón que sitúa á cidade nun foco negativo que prexudica aos seus veciños e veciñas”.
Os populares critican que “lonxe de asumir responsabilidades políticas, José Tomé continúa aferrado á alcaldía mentres os monfortinos pagan o custo dun alcalde máis preocupado por manter privilexios persoais que por atender as verdadeiras necesidades da cidade”.
Para os populares, o custo de manter a Tomé na alcaldía vai moito máis alá do seu soldo, “Supón soster un gabinete cunha estrutura sobredimensionada e un constante goteo de gastos en desprazamentos e viaxes que pouco ou nada achegan aos intereses xerais de Monforte, como a realizada recentemente a Fitur, que exemplifican unha forma de gobernar baseada no gasto e na proxección persoal”.
Denuncian que mentres, Monforte segue con problemas reais sen resposta, “a falta de oportunidades, o estancamento económico, as necesidades dos barrios e parroquias, e a mellora dos servizos públicos. A cidade non pode avanzar cun alcalde máis centrado en conservar poder e status que en traballar polo futuro do municipio”.
Neste escenario o PP defínese defensor dos intereses dos monfortinos e monfortinas. “Seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida dos veciños, desde a unidade, a fortaleza e a coherencia, ofrecendo unha alternativa política responsable, centrada en Monforte e afastada de escándalos, excesos e mala xestión”.

