Os senadores populares alertan de que a A-56, unha infraestrutura estratéxica para vertebrar o interior de Galicia e conectar dúas capitais de provincia, leva anos completamente paralizada. Desde setembro de 2020 só se puxeron en servizo 8,8 quilómetros da autovía, mentres o resto dos tramos continúan bloqueados, con tramitacións administrativas paralizadas e declaracións de impacto ambiental caducadas. “Cinco anos despois, o balance é demoledor: propaganda cero, obras cero e compromisos cero”, subliñan.
Os senadores do PP de Lugo advirten de que aínda é máis grave o estado “terceiromundista” da N-540, a vía que actualmente soporta todo o tráfico entre Lugo e Ourense. Entre 2020 e 2024 rexistráronse 877 accidentes nesta estrada, 102 deles directamente relacionados co mal estado do firme. “Estamos a falar dunha vía perigosa, abandonada e sen unha reforma integral real, a pesar dos anuncios baleiros do Goberno”, afirman.
Poñen como exemplo o tramo de Pereira, en Chantada, “onde o Ministerio se limita a colocar sinais amarelas e conos para advertir do desastre, pero sen executar as obras necesarias. Isto non é mantemento, é unha tomadura de pelo aos usuarios”, critican.
Os representantes lucenses consideran “inadmisible que, mentres o Goberno do Estado bloquea a autovía A-56, tampouco é capaz de garantir unhas condicións mínimas de seguridade na N-540, a única conexión por estrada entre Lugo e Ourense”. Neste contexto, o PP rexistrou unha moción no Senado para esixir ao Goberno que manteña a A-56 como autovía de altas prestacións, que presente un cronograma real con prazos e orzamentos e que execute de maneira urxente unha rehabilitación integral da N-540.

