A voceira popular, Katy Varela, esixe a José Tomé “recapacitar e deter” estes traballos e destinar os 700.000€ de custo do proxecto a obras urxentes e necesarias como solucionar os problemas co abastecemento e saneamento que sofren os monfortinos. “José Tomé o único que quere é cubrir a súa dose de ego porque realmente este proxecto nada aporta a Monforte nin aos monfortinos”, denuncia.
A voceira popular denuncia que “realmente esa fonte ornamental non soluciona ningún dos problema de Monforte” poñendo como exemplo que “a poucos metros do lugar no que quere instalar este monumento persoal, José Tomé segue sen solucionar os problemas de vertidos ao río, que é unha triste realidade do municipio dende hai anos”.
Katy Varela critica o proxecto e recorda que no pleno de novembro xa pediran a paralización deste proxecto (José Tomé e o PSOE votaron en contra) porque suporá a eliminación de parte da zona verde e de vexetación do parque dos Condes, unha zona moi empregada polos monfortinos para pasear e facer deporte, polo que seguramente sería mellor “apostar por outro tipo de actuacións máis beneficiosas para a veciñanza, como instalar unha cuberta para que o entorno se poida empregar durante todo o ano”.
Varela explica que habilitar este espazo cuberto posibilitaría que se empregase esta zona verde durante todo o ano, a resgardo da chuvia durante o inverno e do sol durante o verán.

