Para Espertamonforte, o mellor exemplo da utilidade dun Consello Escolar Municipal é a situación das traballadoras da
limpeza dos colexios A Gándara, Infanta Elena e Colexio Novo. O servizo de limpeza dos colexios é un contrato municipal, polo que é quen o adxudicou, quen o paga e quen ten a obriga de comprobar cada tres meses que a empresa paga os salarios. “A ferramenta para vixiar existía no contrato. O que faltou foi unha canle para que a información chegase a tempo e non dependese de que a oposición a descubrise. Iso é exactamente o que fai un consello escolar”, engade Germán Vázquez. O mesmo ocorrería coa situación de 2º de Educación Primaria.
Espertamonforte asegura que un consello escolar non garante que non haxa problemas, “pero garante que non se perdan polo camiño e que ninguén poida dicir que non os coñecía”, explica o concelleiro.
Como argumento contra o consello, o PSOE alegou que se trata dun órgano sen facultades executivas. “Precisamente por iso non había razón para rexeitalo: non custa diñeiro nin lle quita competencias a ninguén. Só obriga a escoitar a quen está nos colexios”, sinala Vázquez. O Partido Popular apoiou a creación do consello, e o BNG lembrou que xa presentara unha iniciativa semellante. “Non é unha cuestión de tamaño nin de capacidade administrativa, senón de vontade política. E o PSOE deixou claro que non a ten”, conclúe Vázquez e anunciando que seguirán levando ao Pleno a situación das traballadoras da limpeza e dos centros educativos de Monforte.

