Os candidatos do PSdeG ao Congreso e ao Senado por Lugo, Patricia Otero e César Mogo, participaron este martes nun mitin en Quiroga xunto á candidata ao Congreso Eva Blanco, o candidato ao Senado Roberto Castro e o tenente de alcalde de Quiroga, Vicente Parra. Os socialistas reivindicaron as novas subas salariais aprobadas polo Executivo como exemplo das políticas que queren consolidar na próxima lexislatura.
Otero asegurou que o PSOE está “moi pretiño” de conseguir o segundo escano en Lugo. Reivindicou á continuidade das políticas que melloran as condicións de vida da maioría social e destacou a nova suba do SMI e o incremento do 4,5% nos soldos dos empregados e empregadas públicas aprobados polo Goberno de Sánchez.
César Mogo apelou á concentración do voto no PSOE para dar continuidade ao Executivo progresista e Eva Blanco reivindicou as dúas dimensións do voto útil, “conseguir representación e empregar esa forza para mellorar a vida da cidadanía”. Blanco defendeu as políticas de vivenda, emprego, educación pública, pensións e igualdade.

Mitin PSdeG en Quiroga / PSOE
O candidato número tres ao Senado, Roberto Castro, denunciou a falta de vivenda social na comarca e reivindicou o impacto de políticas do Goberno central na economía local, “A Xunta ten as competencias en vivenda e o PP leva preto de vinte anos sen construír unha soa vivenda social nos tres concellos da comarca”. Castro chamou tamén a concentrar o voto progresista no Partido Socialista.
O tenente de alcalde de Quiroga, Vicente Parra, animou a veciñanza a acudir ás urnas para defender a sanidade, a educación e os dereitos sociais. Advertiu de que a continuidade destes avances está en xogo e chamou a mobilizarse para evitar un executivo de PP e Vox.
1,4M€ para mellorar o sanEamento en Taboada
Antes do acto en Quiroga, os candidatos socialistas visitaban o concello de Taboada, onde destacaron xunto ao alcalde, Roi Rigueira, a actuación de preto de 1,4 millóns de euros para mellorar o saneamento, que contará cun financiamento do 95% por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).
Os socialistas percorreron a rúa Anduriñas, unha das zonas máis beneficiadas polo convenio entre a CHMS e o Concello, que achegará o 5% restante. As obras permitirán mellorar a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais afectados polas deficiencias do saneamento actual, ademais de renovar a contorna urbana.
“A maior parte de Taboada está conectada á depuradora xeral, pero hai unha zona que utiliza outra máis pequena que xa non dá resposta ás necesidades, especialmente desde que se conectou a residencia de maiores. Precisamos conducir esas augas á depuradora xeral para resolver o problema”, sinala o alcalde.
Rigueira destaca que a solución require “unha obra de moito calado”, que abrangue o saneamento, a urbanización e a humanización das rúas Anduriñas e Pumariño, “Logramos o convenio de maior contía económica que o Concello de Taboada subscribiu con outra administración ata a data”. O proxecto está na fase final de redacción, co obxectivo de que as obras poidan comezar canto antes.

PSdeG encontro en Taboada / PSOE

