Rodil visitou o Polígono do Morelle xunto co Vicepresidente da Deputación e concelleiro do BNG en Sarria, Efrén Castro, e afirmou que “a sociedade publica Casa47 non pode actuar como promotora privada, fixando uns prezos que afastan ás empresas e impiden precisamente cumprir o obxectivo para o que foi creada: impulsar o desenvolvemento económico e facilitar a creación de emprego”.
O BNG destaca que mentres Sarria conta con demanda de solo industrial, “a política de prezos que seguiu o estado repele os investimentos e provoca que empresas da comarca acaben trasladándose a outros concellos onde atopan mellores condicións”. Para Rodil, “a partir do 29N, desde o BNG traballaremos para que o potencial industrial da comarca de Sarria poida desenvolverse sen que a adquisición de solo sexa unha traba como o está a ser agora mesmo”, e engadiu “unha entidade pública non pode ter como prioridade facer caixa cunha infraestrutura estratéxica para unha comarca do interior da Galiza, a súa función debe ser facilitar a implantación de empresas, dinamizar a economía e contribuír á creación de emprego”.
Importantes empresas de Sarria dos sectores cárnico, da madeira, das molduras, dos sistemas de seguridade ou do transporte levan anos agardando pola ampliación do polígono e, ante a ausencia dunha solución, algunhas están optando por instalarse noutros municipios con solo industrial máis competitivo. O BNG xa rexistrou na pasada lexislatura unha batería de iniciativas para este fin “e seguiremos traballando a partir do 29N cun BNG máis forte en Madrid para que os problemas das e dos lucenses ocupen o espazo necesario no Congreso”

