No sur lucense, ó igual que na totalidade de España, os casos de persoas con trastornos de conducta alimenticia (TCA) son unha realidade que cada día vai en aumento. Se ben é certo que aínda existen reparos á hora de falar do tema e que moitos doentes non queren que se lles relacione con ela, a comunicación e a información son a base tanto da prevención como da curación.
Luz Cid, presidenta da Asociación de Prevención e Axuda ós Trastornos da Conducta Alimenticia (CIOR Monforte) ten como obxectivo, xunto co seu equipo, previr, detectar e contribuír a curación e á superación destes males a través da axuda, asesoramento e apoio necesario, tanto ós usuarios como ós seus familiares. Dende esta entidade queren abarcar diferentes aspectos educativos, sociais e culturais, para erradicar estas patoloxías, posto que superar un TCA non só é cuestión de físico e peso, senon que é un proceso de recuperación a nivel emocional.
Dende febreiro de 2018, a CIOR Monforte está implicada nun proceso de información en adolescentes a través dos centros educativos. Dende A Pobra de San Xiao ata Quiroga, tanto os centros comarcais como do rural recibiron a visita de Luz Cid. Nos vindeiros meses converteranse nunha asociación a nivel autonómico e pensan abarcar toda Galicia.
Que facedes nas visitas ós centros escolares?
Nós visitamos os centros sobre todo orientados a falar cos rapaces de 3º e 4º da ESO posto que son os que teñen maior risco de padecer algún TCA pois están sufrindo un cambio hormonal e físico moi brusco.
Que é un TCA? Xeralmente só pensamos na anorexia pero, hai máis?
Si. Realmente os TCA son a anorexia, bulimia, obesidade e transtorno do atracón. Xeralmente pensamos que so é a anorexia porque podemos dicir que é o máis ensinado nos medios, pero o resto de enfermidades son tan ou máis perigosas que ela.
Que factores poden ser os desencadenantes dun TCA?
Son moitísimos os factores que poden estar implicados neste tipo de problemas. Dende drogas, alcol, falecementos dun ser querido, falta de autoestima e outras moitas máis pero realmente todos os TCA radican en que son a válvula de escape a situacións negativas.
O buylling tamén é un factor realmente preocupante. Xa non só porque é a degradación dunha persoa, senon porque supón un factor moi elevado en canto a este tipo de transtornos.
A cada centro que vou sempre hai, mínimo,un compañeiro que é o “galo do corral”. E moitas veces, ese comportamento que teñen cara outros compañeiros agocha problemas do máis variado; poden ser familiares, para chamar a atención, un sinfín de casuísticas pero o que máis me gusta de isto é que me gaño a súa confianza e ó final, a soas, acaban explicándome todos os seus problemas. Momentos moi importantes para os cales eu logo aplico os coñecementos que teño e así poder poñer fin a este problema.
Como inflúe a sociedade en todo isto?
Moitísimo. Dende que internet, e sobre todo as redes sociais, nos ensinaron a vivir de xeito superficial, a xente máis vulnerable cae na idea de pensar que so os guapos con corpos perfectos son felices e o resto non. Buscamos a felicidade onde non está. Estar saudable, sano, ter un peso axeitado si que é motivo de ledicia pero iso non se celebra tanto porque non vende.
Como aceptan os pais as túas visitas ós centros educativos?
Hai de todo. Polo xeral ben pero logo hai moitos pais que non aceptan que os seus fillos teñen problemas. No caso do rural, o costume do neno gordiño aínda está moi arraigado. Nun centro atopeime cun cativo de 10 anos que pesaba 105 quilos e seus pais non o vían como un problema. Por outra lado, a mala alimentación tamén é moi influínte. E logo están os pais que queren que os seus fillos fagan e cheguen a onde eles non deron ou os que os teñen moi sobreprotexidos, os coñecidos como “superpais”. Os nenos acaban tan agobiados que acaban sufrindo TCA pero nunca din nada por medo a defraudar ós pais. Chegamos nós, descubrimos o problema e moitas veces, negánnolo á cara ou simplemente se enfrentan a nós porque non queren dar visibilidade a unha triste realidade ou aceptar a nosa axuda.
Que plan tedes para este verán?
Temos programada unha campaña contra os estigmas sociais onde pretendemos facer ver que todos somos iguais. Dende o noso perfil de facebook, CIOR Monforte, imos ir anunciando toda a nosa programación para que acuda todo aquel que estea interesado pois é un tema moi imporantante a tratar.