O municipio lucense do Páramo conta desde agora cun caixeiro e servizo de asistencia financeira despois de tres anos sen servizos bancarios, o que orixinaba que os preto de 1.400 veciños tivesen que desprazarse uns “15 quilómetros para sacar diñeiro”.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, desprazouse este mércores ata este municipio, que forma parte dos 36 que se adheriron ao convenio para servizos bancarios que financia a Xunta, tras o peche masivo de caixeiros e oficinas no rural coa reestruturación bancaria dos últimos anos.
Na súa visita, indicou que a Xunta está “comprometida” cos concellos rurais e coas “políticas de reequilibrio territorial” e destacou o “compromiso” do Goberno galego para garantir a prestación de servizos financeiros de “calidade” para a cidadanía.
Durante a súa intervención, Corgos incidiu que este novo servizo proporcionará aos veciños do Páramo un caixeiro automático e de asistencia financeira que “solucionará” calquera dúbida e permitirá contratar produtos como nunha “oficina oficial”.
Tamén remarcou a realización dun servizo de formación financeira e banca electrónica. O curso, impartido o mes de marzo, foi unha medida para “o presente e o futuro” dos veciños da localidade.
Por último, o conselleiro confirmou que o financiamiento “corre a cargo” da Xunta. O municipio do Páramo unicamente tivo que ceder os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación de servizos de asesoramento financeiro e formación.
FINANCIAMENTO TERRITORIALIZADO
Ademais, na súa visita, Corgos lembrou o investimento territorializado da Xunta na provincia de Lugo, que ascende a 1.611 millóns de euros que destinou a Lugo.
Este financiamiento supón unha media de 4.926 euros por habitante, 1.116 euros máis por cidadán que na provincia da Coruña e 1.342 euros máis que en Pontevedra.
Isto maniféstase en cada orzamento cunha “discriminación positiva” no investimento por habitante ás provincias de Ourense e Lugo respecto das provincias atlánticas.