Como e cando naceu o Ecomuseo de Arxeriz?
Xurdiu a comezos de século, aínda que xa se comezara a falar del como centro de recuperación e divulgación cultural a finais dos 90, momento no que comecei coa busca e recompilación de material.
Basicamente naceu como froito de dúas circunstancias, a recuperación de Arxeriz e a necesidade de conservar e divulgar o rico patrimonio cultural da zona.
O pazo onde se atopa o Ecomuseo está totalmente restaurado. Sempre estivo así de ben conservado ou foi remodelado?
A actividade no Pazo de Arxeriz cesou nos anos 70, cando deu comezo a súa decadencia. Despois de 20 anos desocupado e sen ningún tipo de actividade, no ano 1993 moitas das edificacións estaban na ruína. Nesa data deu comezo a súa restauración e recuperación das edificacións, labores que se poden considerar como rematadas no 2013, aínda que se seguen a realizar obras de conservación.
Durante estes traballos non se realizaron alteracións no conxunto, xa que se mantuveron os volumes e materiais orixinais.
Gran parte das accións que se levan a cabo no Ecomuseo están ligadas á Ribeira Sacra, A que se debe esta especial unión?
A razón principal é que nos atopamos no mesmo corazón da Ribeira Sacra que empata coa labor fundamental do Ecomuseo de Arxeriz, conservación e divulgación do patrimonio; o seu ámbito de aplicación é a propia zona.
Observando os diferentes temas a visitar pódese ver a súa vontade de enxalzar a cultura ribeirá. Que lles levou a querer poñer en alza esta cultura tan nosa?
O ser unha cultura moi específica dentro do ámbito da Ribeira Sacra, ademais de que se trata dunha unidade socioeconomica e xeográfica que experimentou moitos cambios a causa do éxodo migratorio e da construción dos encoros; consideramos fundamental a recuperación dos seus elementos referenciais, tanto materiais como inmateriais, legado dos nosos devanceiros.
Ten pensado o Ecomuseo de Arxeriz sorprendernos con novos proxectos nun futuro próximo?
Si, na medida en que o proxecto cultural e natural de Arxeriz está a medio construír e aínda queda moito por desenvolver.
A curto prazo, o próximo proxecto no que estamos a traballar é unha exposición permanente sobre o carro galego, cun apéndice adicado ó Folión dos Carros de Chantada en colaboración coa súa asociación. Nestas dúas novas salas de 250 metros cadrados queremos reflectir todos aqueles elementos substancias do carro, dende as madeiras usadas para a súa elaboración ata o elemento final; recollendo a maior parte das tipoloxías de carros do noroeste peninsular exemplificadas nas súas rodas como elementos diferencia dores.
Na sala do folión, comunicada coa do carro, estará representada a escena da malla, acompañada dos elementos gráficos desta labor e do propio folión.
Para rematar, que aldea pantonesa ribeirá é a súa favorita e cal é o motivo?
Todas as aldeas conservan parte da súa pegada orixinal; dentro delas, por destacar algunhas, Pesqueiras e Atán e as parroquias de Ribeiras de Miño, que dan unha idea da importancia que tiña o cultivo da vide e da riqueza da zona plasmada neses extensos lugares.