HomeCulturaAs obras do Museo de Manuel Jorge no Cantón de Chantada a...

As obras do Museo de Manuel Jorge no Cantón de Chantada a piques de comezar

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada vén de asinar a finais do pasado mes de outubro, o contrato de reforma do edificio que será transformado no Museo Manuel Jorge, Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A obra será executada pola empresa Inside, con sede en Santiago de Compostela, en colaboración co Estudio X+P de Chantada, responsables do proxecto de restauración xunto cos arquitectos, Marta Marcos e Baltasar Otero. Na sinatura do acordo, realizada nas instalacións de Estudio X+P que supervisará a execución da obra, estiveron presentes, por parte da Asociación chantadina, a súa presidenta Mercedes Vázquez, Plácido Moure, secretario, e Yoyes Jorge, tesoureira. Por parte da empresa, acudiron o seu director xeral, Francisco Sánchez, e o director de construcción, Gonzalo Aldrey.

Inside foi a empresa escollida entre as catro propostas recibidas pola Asociación. Para a súa elección tívose en conta a experiencia en restauración e obra civil para uso público e o compromiso co proxecto, para o que contarán con proveedores e profesionais de Chantada e comarca.

As obras do futuro museo comezarán neste mes e prolongaránse ata principios de 2026. O seu inicio supón a culminación de máis de dous anos de traballo e planificación que comezaron coa compra da casa do Cantón, sufragada en parte cunha axuda da Deputación de Lugo. Despois redactouse o proxecto arquitectónico e tramitáronse todos os permisos, incluídos os de Patrimonio e do Concello de Chantada, de onde se recibiu apoio para axilizar os trámites.

Este Museo é un investimento privado apoiado principalmente no legado do propio pintor, quen deixou o seu patrimonio á Asociación chantadina para crear un espazo cultural na súa vila natal. Para acometelo na súa totalidade, a Asociación segue buscando apoios económicos, co convencemento do valor cultural e social que aportará a Chantada e a Ribeira Sacra.

O obxectivo, é que estea operativo na primavera de 2026, “que será cando a Unesco decida se recoñece este territorio como Patrimonio da Humanidade, e estaremos ademais cos preparativos do Xacobeo 2027, no que o Camiño de Inverno, que pasa xunto ao Museo, será unha das rutas destacadas”, explican desde a asociación promotora.

Na web manueljorge.com poden coñecerse os detalles do futuro Museo, dende a estética ata a distribución interior. Trátase dun edificio histórico de dúas plantas e baixo cuberta. Na planta baixa, á que se accede dende a Praza de España —máis coñecida como Cantón—, haberá un sala de exposicións, unha recepción e tres aulas para talleres de artes plásticas e artes dixitais. Na primeira planta haberá outro gran espazo expositivo, unha sala de conferencias e proxeccións, a recreación do estudio de Manuel Jorge, e mais unha biblioteca e sala de investigadores. O baixo cuberta estará dedicado a oficinas e depósito de conservación da obra.

Na restauración respectarase a esencia do edificio, adaptándoo as necesidades dun espazo pensado para un uso público. Conservaranse elementos tradicionais como a galería de madeira, as escaleiras interiores e o artesonado de madeira da súa biblioteca. Dende o punto de vista estético, terá espazos inspirados na arquitectura mediterránea de Manuel Jorge que conectan coa construción tradicional galega.

Manuel Jorge edificio para museo / Amigos de Manuel Jorge Chantada

ÚLTIMAS

Todo listo para o VII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

A conta atrás para a sétima edición do 'Festival do Viño da Ribeira Sacra...

As comarcas de Lemos e Quiroga fan que diminúa o paro na zona sur da provincia en xuño

Por comarcas, as de Lemos e Quiroga foron as que tiveron un mellor comportamento,...

O PP pide no Congreso acceso aos expedientes dos contratos na liña ferroviaria Monforte-Lugo que aparecen nos informes da UCO

O deputado monfortino no Congreso dos Deputados, Francisco Conde, e a deputada autonómica...

O BNG demanda a Transportes melloras na N-120A ao seu paso por Pantón

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala a urxencia dos traballos de...