Para os máis pequenos, na Biblioteca Municipal están programadas diferentes actividades para estes días. O vindeiro 14 de agosto, dentro do Ciclo Cultura no Camiño que promove o Agadic, Caxoto Contacontos trae a Chantada o seu espectáculo de narración oral “A trastenda dos contos” e para o vindeiro mércores 21 o que chega é Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bule Bule”. Neste caso, a actividade está encaixada dentro do Ciclo Ler conta moito de animación á lectura e subvencionado tamén pola Xunta de Galicia. As dúas actividades realizaranse na Biblioteca ás 12:00 h.
Os amantes do cinema comprometido teñen tamén unha oferta completa dentro da 26ª Semana Internacional de Cine de Chantada. Cineclube Os Papeiros desenvolve esta actividade coa colaboración do Concello de Chantada, ao non dispoñer de local axeitado as proxeccións son ao aire libre e a temática das cintas está relacionada co respecto ao medio ambiente. Estase a desenvolver dende onte domingo e remata o vindeiro xoves 15 de agosto. Hoxe ás 20.00 h. presentábase no Cine Palleiriso, no lugar de Garabelos, “Cántame un cine” e a partir das 22.00 h. dobre sesión na Praza do Cantón con “Visións” -curtametraxes de directoras galegas- e “Christopher Robin”. Para mañá martes 13 tamén na Praza do Cantón dúas películas, “Bohemiam Rapsody” e “20 anos de bravío” -documental sobre o rock bravú- ás 22.00 e 00.00 h. respectivamente. Como remate de ciclo volvemos a Garabelos, para ver no Horreo Palleiriso ás 17:00 h. “Cine horreoroso” e ás 22:00 h. na Praza do Cantón outro pase de “Visións” e “La Favorita”.

Neste ciclo de cinema tamén haberá actividades paralelas como a Cinecleta “Peixes no Bandullo”, unha videoteca sobre rodas que fai servizo de préstamo de DVD de cinema alternativo percorrendo as rúas de Chantada, un obradoiro sobre audiovisual e muller a cargo do colectivo Polamiúda e o Festival de curtas “20 semana curta”.
Para a mocidade, amantes da música independente, cómpre anotar na axenda o FICH, Festival Independente de Chantada que terá lugar os días 16, 17 e 18 onde as Adegas Amedo e con lugar habilitado para acampada. 23 propostas musicais a un prezo de 10 euros o abono.

E como avance da vindeira semana tamén interesante a XXIX Mostra de Teatro Maruxa Villanueva. Do 19 ao 22 de agosto ás 22:00 h. na Praza do Cantón representaranse catro obras de teatro afeccionado. O día 19 a Asociación Prodeme de Monforte trae a Chantada a comedia “Un funeral para morrer de risa”, o martes 20 a Agrupación Teatral “Pico do Castro” de Foz interpretará “Unha novela de policías”, o mércores 21 “Dartrela Teatro” do Carballiño presenta “Como medrache” e para rematar, o Centro Teatral Faro-Miño de Chantada poñerán en escena “Sintrón nin son”. Este ciclo está organizado polo colectivo Centro Teatral Faro-Miño e o Concello de Chantada. A entrada é libre para todas as representacións.