Todo listo para recibir nos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel a centos de moteiros e moteiras chegados de diferentes puntos de Galicia e do resto do estado que se atoparán ao berro de “Saúdame sempre”, lema que encabeza este ano o cartel do evento.
Este encontro de amigos e amigas das motos está xa consolidado no calendario dos afeccionados pola boa sona destes anos que lle chega pola boa organización, a variada e atractiva programación e, como non, pola contorna na que se desenvolve. Gozar en moto das fermosas paraxes do Courel e da Ribeira Sacra é un pracer que convida a repetir e a recomendar, está claro.
A programación inclúe actividades dende este venres 23 ata o domingo 25 de agosto sendo o punto o epicentro Quiroga, concretamente na explanada do Auditorio de Quiroga, lugar onde este pasado sábado tiña tamén lugar o Qui-Roma.
O venres 23 a partir das 17:30 h. é o momento das inscricións, e a continuación haberá obradoiros infantís, “homenaxe aos caídos/as” e ruta de pinchos para ir abrindo boca antes do concerto de Dani Barreiros & Friends.
O sábado 24, dia grande, os moteiros e moteiras farán unha ruta matinal por diferentes puntos da Ribeira Sacra e Courel e despois de xantar, xa pola tarde, terán lugar os circuítos e os espectáculos. Haberá un circuíto de pitbikes e un Stunt Show con dous dos mellores pilotos do estado, Narcís Roca e Acuko. Tamén haberá un mercadiño moteiro, food truck, inchables e festa rachada con Os do Recanto -grupo tradicional local-. Pola noite, cea no recinto, concerto do grupo valdeorrés Los Íñigos e II concurso Tattoo Bike ‘Dani Rivas’.

Como remate, o domingo 25 está programada a “Ruta inaugural dos xeomiradores de Ribas de Sil”, un show de Flat Track e alborada con sesión vermú amenizada coa música de Os do Recanto. Ás 14:00 h. farase a despedida con pinchos, sorteos e entrega de trofeos.