Como vén sendo habitual por estas datas, na recta final de agosto, celébrase o festival Terra Brava no Concello do Incio, concretamente na estrada que comunica a Cruz do Incio con Óutara, nun espazo acondicionado para o evento no medio do monte.
Este ano chégase á edición número dezasete e haberá actividade durante toda a xornada do sábado 24 de agosto. Pola mañá, ás 13:30 h. hai unha sesión vermú a cargo de Cé Orquestra Pantasma e a continuación, ás 14:30 h. un xantar popular.
Pola tarde, repite Cé Orquestra Pantasma con xogos para os máis pequenos e sesión de tarde con música tradicional a cargo do grupo Searas de Chantada.
Chegada a noite, o protagonismo chégalle aos concertos que teñen programado o seu comezo ás 21:30 h da noite. Por este orde actuarán Xerezade, proposta de música tradicional con integrantes do Incio e da Pobra do Brollón, Korrontzi, folk do País Vasco, NAO, rock galego e Tecor Societario, grupo de punk-folk tamén do país.
A organización corre a cargo da Asociación Terra Brava e colaboran Deputación de Lugo, Concello do Incio e Asociación Cultural As Xeitosas.
Feira do cabalo en Escairón
O domingo, 25 de agosto, celébrase na capitalidade do Concello do Saviñao a XIII Feira do Cabalo, evento que organiza a Asociación Cabaleiros de Escairón.
A xornada dará comezo cara as 10:00 h. cunha ruta a cabalo e unha carreira de andadura. Despois haberá un xantar popular, “Comida de Cabaleiros“, na carballeira de Escairón e xa pola tarde máis actividades relacionadas co mundo ecuestre. Entre elas destaca unha carreira de galope e un espectáculo de Florin Harabor.
Para rematar farase entrega dos premios polas carreiras ‘de andadura’ e ‘de galope’ e procederase aos sorteos dun poldro e 1.000 euros. Financia este evento a Deputación de Lugo e o Concello do Saviñao.