HomesociedadePensando xa nos calendarios de actividades outonais e invernais

Pensando xa nos calendarios de actividades outonais e invernais

Concellos do sur de Lugo como Sarria, Pantón e Bóveda ofrecen actividades deportivas, obradoiros educativos e culturais para todas as idades e de cara ás estacións que están por chegar.

Publicado o

- Advertisement -

O Concello de Sarria ofrece un amplo abano de actividades culturais, educacionais e deportivas para nenos/as e para adultos/as. Para anotar os máis pequenos/as en obradoiros educativos e nas escolas deportivas o prazo para anotarse empezou xa a pasada semana mentres que para os obradoiros de cultura e as actividades deportivas para os adultos/as o prazo de preinscrición comeza o vindeiro día 20 de setembro.

Entre as actividades deportivas para os cativos pódense escoller as seguintes: patinaxe e hóckey, defensa persoal, tiro con arco, ximnasia rítmica, fútbol, baloncesto, fútbol sala, tenis, rugby ou taekwondo. No que respecta ás educativas e culturais destaca a danza e música tradicional, inglés, teatro ou un interesante obradoiro de conta contos. Cómpre dicir que moitas das actividades ofrécense grazas a asociacións culturais e deportivas de Sarria.

Para os maiores a oferta deportiva pasa por actividades como o ioga, a danza terapia, bailes de salón, pilates, zumba e ximnasia de mantemento. Para as culturais pódese escoller entre alternativas como corte e confección, bordado, teatro, coral, clube de lectura, música e baile tradicional, inglés ou introdución á historia e literatura galega.

Pódese acceder ao programa completo de actividades a través da web do concello.

No Concello de Pantón este 16 de setembro comeza o prazo para apuntarse nos denominados “Luns activos para público infantil” nos que se ofrecerán actividades para os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O lugar das actividades será o 2º andar do Edificio Sociocultural e realizaranse todos os luns entre as 16:00 e as 18:00 h.

Neste mesmo concello e pensando nos maiores tamén haberá “Luns activos” con diferentes actividades a realizar cada luns entre as 18:00 e as 19:30 h. tamén no 2º andar do Edificio Sociocultural. Neste caso, o prazo para inscribirse comeza o día 30 de setembro; o lugar para facelo, na Casa do Concello en horario de mañá.

E nesta liña, o Concello de Bóveda tamén abriu o prazo para anotarse en diferentes actividades para maiores e para pequenos/as. A oferta para público adulto céntrase en cursos para poñerse ao día nas novas tecnoloxías, obradoiros de memoria, pandeireta, coral, zumba e ximnasia de mantemento. Para os cativos/as patinaxe, breakdance, música e danza galega. Os venres, e para todos os públicos, haberá Cine na Biblioteca ás 19:00 h.

As inscricións realizaranse na casa do Concello entre as 10:00 e as 13.30 h.

ÚLTIMAS

OPINIÓN: O camarada Xesús e as trincheiras culturais

Hai case vinte anos tiven a oportunidade de coñecer a Xesús Alonso Montero, figura...

Unha fin de semana para gozar do ‘Caldo de ósos’

Onte, venres 13, inaugurábase a exposición de fotos antigas “O legado que nos une”...

O PP de Monforte reclama ao pleno unha zona de baño pública para este verán

Dende o PP de Monforte insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de...

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...