O Club de Volei Korbis de Monforte coa Clínica de Fisioterapia Daniel Rodríguez inician esta tempada estudio biomecánico para a prevención de lesións nos xogadores. Polo momento, 115 rapaces e rapazas terán ficha cos seus datos biomecánicos para coñecer erros posicionais e tendencias físicas naturais que poden desencandenar lesións. Falamos co fisioterapeuta Daniel Rodríguez.
En que consiste este estudo biomecánico?
O estudo serve para valorar aos xogadores con datos que nos informen de posibles factores de risco e poder incidir sobre eles para previr a lesións. Facemos probas de xestos deportivos de salto e bloqueo, despois analízoo cun programa de biomecánica no ordenador, que dá datos do ángulo do xeonllo, fase de apoio do salto no momento de despegue… Unha podóloga realiza o estudo biodinámico da pisada e facemos dous test de flexibilidade.
Que tipo de información vos dan estas probas?
As probas dos xestos deportivos dinnos se ese xogador ten estabilidade articular ou non, o que é un factor de risco moi importante para lesións articulares. É un tema que sabéndoo é moi fácil de previr con exercicio.
Con todos os datos obtidos elaboro un informe individual de cada xogador concluíndo cuestións como se ese xogador ten falta de elasticidade, inestabilidade de xeonllo,… E a partir de aí prepárase un plan de intervención para cada un deles, en base tamén a sexo, idade, altura, posición no campo, equipo… Toda esta información permite facer subgrupos de adestramento segundo as circunstancias físicas comúns dos xogadores.
Como xurdiu a iniciativa co club Korbis?
Por inquedanzas comúns cara a seguridade dos xogadores. O pasado ano foi de toma de contacto, asistencia a adestramentos ou conversacións con adestradores. Progresivamente fóronse incluíndo medidas nun traballo global de prevención de lesións. Agora, en pretempada, era o momento de comezar un plan anual completo dos xogadores.
115 fichas. Como están os rapaces?
Aínda non está todo analizado, pero en xeral ben. Hai cousas que mellorar, pero é o que me esperaba. Na xente que comeza é normal inestabilidade ou falta de elasticidade.
O deporte cada vez preocúpase máis por tervos preto. É un bo momento para a profesión?
Non só o deporte, cada vez máis a sociedade entende os beneficios da fisioterapia e coñécese máis esta profesión.
En Galicia houbo tradicionalmente compostores. Aínda hoxe hai xente que recorre a eles. Que opinión che merece como fisioterapeuta?
Imaxínate que te vas operar de varices e che recomendan unha persoa en Ourense que cho fai no momento, no salón da súa casa e moi barato. Que lle dirías?… Estás tolo! Vale, estamos falando dunha ciruxía; pero ao final pós o teu corpo nas mans doutra persoa.
Que importancia lle dá a xente a isto? Eu sempre aconsello que se utilice un servizo profesional que teña todas as garantías, un rexistro sanitario, un número de colexiado,… Isto é unha garantía de que che vai a atender un profesional sanitario que ten o título correspondente, o seu seguro de responsabilidade civil e algo detrás que o ampara. Creo que a xente é mais consciente do que este tipo de cousas significan.