HomesociedadeBicicletas personalizadas, clientes felices

Bicicletas personalizadas, clientes felices

“Veño de entregar un tándem especial, o primeiro que se fai en España conducido por detrás, o traballo mais emotivo que fixen ata agora”, Manolo Díaz, deseñador e construtor de bicicletas.

Publicado o

- Advertisement -

Coñecemos a Manolo Díaz no seu taller, en Monforte. Ao entrar case non o vemos rodeado de tanta bicicleta como alí ten. Tiñamos oído falar del por terceiros e por publicacións nas redes sociais pero alí en persoa as intuicións confirmáronse, neste caso para ben.

Descubrimos que é un tipo vital e demóstranos con evidencias que a paixón pola bicicleta venlle xa de neno, paixón que non perdeu nin perderá. Segundo nos conta xa arranxaba bicicletas en Barcelona con 13 anos e tiña claro que o seu futuro pasaba por dedicarse en corpo e alma a este mundo. No 1978 empezou a gañarse a vida reparando bicis pola súa conta e ata hoxe. Antes de trasladarse a Monforte contactou alí coa Cooperativa Integral, dedicada á divulgación ecolóxica, e propuxéronlle comercializar as bicicletas que facía; e velaí a orixe do nome comercial actual do seu negocio, Bicicletas Integral.

Entre as curiosidades que nos conta, mencionar que deseñou e construíu un tándem por encargo para o corredor monfortino da ONCE, Pablo Rodríguez, e con ela participou nas olimpíadas de Atlanta do 1996. A raíz deste encargo a propia ONCE encargoulle máis tándems para o equipo. E outra tamén digna de mencionar, Manolo é o actual campión nacional de montaxe de rodas macizas. Obtivo este recoñecemento no ano 2017 coa mellor marca -o máis rápido- e a mellor montaxe na Feira Internacional da Bicicleta UNIBIKE. Como non se fixeron máis competicións deste tipo estes dous anos presume de seguir coa marca e o certitificado de campión nacional. Coñecemos máis detalles de Manolo con preguntas un pouco máis concretas e directas.

Certificado acreditativo
Tándem creado por Manolo Díaz / XdL

“Os meus país eran de dúas aldeas de Monforte e víronse obrigados a emigrar, coma tantos outros, pola miseria existente e, por suposto, polo exceso de miserables”

-Como viñeches dar a Monforte e canto tempo levas aquí?

-Xa hai 32 anos que vivo aquí en Monforte. Como me gusta dicir a min “eu son nacido emigrante”. Os meus pais eran de dúas aldeas de Monforte, e víronse obrigados a emigrar, coma tantos outros, pola miseria existente e, por suposto, polo exceso de miserables. Da miseria sáese, con esforzo e tesón sáese, dos miserables a única saída é marchar.

-Foron difíciles os primeiros anos en Monforte?

-Non moito porque mantiven a clientela que tiña de antes a nivel nacional e seguía anunciándome nunha revista que facía unha cooperativa coa que estiven en contacto en Barcelona. Aínda lembro daquela como tiña que embalar e empaquetar as bicicletas e mandalas pola RENFE.

“En Monforte hai moi pouca afección á bicicleta”

-E a clientela de Monforte e contorna foi chegando?

-Si, pero moi pouco a pouco. En Monforte hai moi pouca afección á bicicleta, non temos carrís bici na cidade e hai moi poucas en proporción aos habitantes e ao chairo que é o Val de Lemos. A xente que chega aquí de fóra queda moi estrañada neste sentido, tendo todas as condicións a favor o uso da bicicleta é anecdótico.

-Segues sendo ‘o catalán’ ou xa presumes de ‘galego’?

-De galego xa presumía lonxe de aquí. As últimas xeracións nadas nestes 32 anos, e equipados con bicicletas feitas por min, apenas coñecen o meu pasado “catalán”.

Manolo Díaz / XdL

-Como e cando naceu a idea de crear ‘Bicicletas integral’?

-Iso foi en Barcelona, eu xa facía bicicletas artesanais, a medida. Entón a Cooperativa Integral, dedicada á divulgación da vida sa e á ecoloxía propúxome facer as bicicletas coa súa marca, xa vai dende aquela case que 40 anos.

-Considérante e/ou considéraste un ‘manitas’?

-Sempre o fun, a necesidade agudiza o enxeño, e xa dende neno tiven que buscarme a vida se quería ter una bicicleta que funcionase. Ante todo son unha persoa eminentemente práctica, na medida do posible.

“Eu sempre me diferenciei neste sector por facer bicicletas personalizadas”

-A “liña diferencial” do teu negocio vén polo deseño e a construción de bicis por encargo?

-Eu sempre me diferenciei neste sector por facer bicicletas personalizadas. A xente, aínda que poida saber o que quere cando merca unha bicicleta, tamén hai que aconsellala sobre a bicicleta máis práctica para o uso que ten pensado darlle. E logo, que sexa adaptada “ás súas midas”.

-Mira, acabas de soltar unha ‘catalanada’ (risas).

-Pois si, nin me decatei. Algo queda sempre, e a moita honra.

-Cantas bicicletas por encargo levarás feitas? Patentas estes deseños industriais?

-Non levo as contas das bicis feitas, pero todas van numeradas. Dalgúns deseños si que estou xestionando a patente.

-Algúns deseños dos que esteas especialmente orgulloso?

-O primeiro deseño que saía do habitual foi a bicicleta “Campera”, unha bicicleta deseñada para circular polo campo, por pistas de terra, a precursora das bicis de montaña. E tamén estou satisfeito co deseño de alforxas para cicloturismo e o deseño de portaequipaxes en aceiro inoxidable, os máis resistentes do mercado. E a penúltima creación o tándem conducido polo que vai detrás.

-En relación aos encargos personalizados, que hai de capricho e que de necesidade?

-Bueno, a maioría dos encargos son para cubrir necesidades concretas, aínda que ao pintalas eu tamén fago acabados individualizados ao gusto dos clientes.

“veño de entregar un tándem especial, o primeiro que se fai en España conducido por detrás, o traballo máis emotivo que fixen ata agora”

-As bicicletas adaptadas para xente con limitacións físicas teñen moita demanda ou é algo residual?

-Máis do que parece, veño de entregar un tándem especial, o primeiro que se fai en España conducido por detrás, o traballo máis emotivo que fixen ata agora. Só ver a ledicia da rapaza xa paga todo o esforzo feito. É unha idea feita realidade que vai permitir que rapaces e rapazas que precisan de atencións especiais poidan gozar da liberdade de pedalear co ar no rostro.

Tándem guiado polo pasaxeiro traseiro. Foto: Manolo Díaz
Manolo comprobando a súa creación. Foto cedida

-Entendendo que o mercado é máis global que nunca, como dás a coñecer o teu negocio a nivel mundial?

-A única ferramenta de divulgación que utilizo, ademais do boca a boca dos clientes satisfeitos, é o Facebook, onde teño unha páxina na que vou subindo as fotos do que fago.

-Cóntanos algunha anécdota desas que non se esquecen nunca.

-Teño moitísimas vivencias utilizando e arranxando bicicletas, viaxes dende Barcelona, ou Bilbao ata Monforte, de Barcelona a Venecia en bicicleta, pero o sentimento máis importante é saber que parte da maxia que lle imprimo ás bicicletas que fago xa estivo por todo o planeta. Téñenme contado moitas anécdotas os seus propietarios, coma a do Mariano, un participante no viaxe de 5 sorianos pola Patagonia nas Bicicletas Integral, tempo despois viaxando por Colombia estivo a piques de que os paramilitares lle roubaran a bicicleta. Defendeuna a risco de acabar alí os seus días, e salvouna.

“o sentimento máis importante é saber que parte da maxia que lle imprimo ás bicicletas que fago xa estivo por todo o planeta”

-Esta anécdota de Mariano di moito do valor que teñen para o usuario/a as bicicletas, polo menos neste caso.

-Xa che digo (risas). Para min é un orgullo, claro.

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...