Homesociedade"Os cabalos achégante a un estado de presenza, de que o que...

“Os cabalos achégante a un estado de presenza, de que o que importa é o agora”, Candy Rodríguez, coaching con cabalos

"As mulleres estamos máis abertas e sensibilizadas co que é o coñecemento dun mesmo, é así e hai que dicilo. Entón veñen moitas persoas interesadas en coñecerse mellor, en desenvolver todo o seu potencial. Os cabalos emocionalmente reequilíbrante porque tes que estar continuamente regulando as túas emocións se queres conseguir algo dun cabalo de forma voluntaria. Traballas en ti mesmo. É un adestramento para ti," comenta a veterinaria Candy Rodríguez.

Publicado o

- Advertisement -

Candy Rodríguez Castro comezou a montar con 13 anos. Decidiu estudar veterinaria en Lugo mentras daba clases de equitación nunha hípica. Depois de anos traballando, no 2009 comeza a materializar o proxecto Rincón de Finca el Carmen, en Fiolleda, Monforte. Un espazo onde a natureza e os animais, en particular, os cabalos, son os pilares de experiencias de equitación e autocoñecemento persoal.

Candy en clases individuais de equitación / Rincón de Finca el Carmen

Como comeza a facerse realidade Rincón de Finca el Carmen?

Tiñamos 2 cabalos na casa, pero eu estaba en “modo traballar” e consideraba que non tiña tempo para nada que non fose no que estaba traballando. Cando nos viñan a ver amigos e subía aos nenos nos cabalos, dicíanme que tiña que volver dar clases, pero eu seguía con que non tiña tempo.

A partir do 2006 comecei a retomar máis o contacto cos cabalos para saír un pouco da miña rutina de traballo. No 2009 animeime por completo e comezamos, aos poucos, nunha horta pequeniña en Fiolleda, co Mejicano, que fundou o Rincón. Un cabalo de pura raza español boísimo. A xente dicíame que non me ía funcionar unha hípica en Monforte, pero desatendendo esas recomendacións dos medos de cadaquén, seguimos con 3 cabalos, 5, 7. Hoxe son 17.

Cabalos de Rincón de Finca el Carmen / Rincón de Finca el Carmen

Que teñen de especial os vosos cabalos?

Os nosos cabalos non teñen nada máis especial que outros cabalos, pero os nosos cabalos como viven en condicións o máis naturais posibles están equilibrados, emocionalmente dispoñibles 100% a calquera proposta. Viven en manada, en leiras grandes, en semiliberdade, teñen comida e auga á súa disposición… e están equilibrados. Iso é o que teñen de especial, están emocionalmente moi ben. Se un cabalo fai este traballo que é moi emocional e logo o encerras e o deixas só, véxoo como crueldade. Despois dunha sesión de coaching, os cabalos vanse á leira, envorcállanse e pasóuselles todo. Todos os cabalos son así, pero hai cabalos que viven máis tensos.

Cabalos de Rincón de Finca el Carmen / Rincón de Finca el Carmen

Estudaches veterinaria, coaching, coaching con cabalos, especialista en educación emocional pola Universidade de Santiago. Todo isto para ofrecer que tipo de servizos en Rincón de Finca el Carmen?

Ofrecemos todo o que teña que ver con reconectar coa natureza e os animais, en especial os cabalos. Somos apaixonados do lugar onde vivimos e dunhas condicións de vida máis sustentable, no campo. Ofrecemos clases de equitación, pero a nosa paixón vais máis alá e gústanos ofrecer experiencias para coñecer ao cabalo. Grupos, familias, parellas, individualmente,… estando na leira coa manada, facemos coaching e equitación conectada ou consciente para tratar de entender como sente e pensa un cabalo.

Temos tamén paseos a cabalo para gozar da paisaxe e o que é ir montado a cabalo e toda a parte de desenvolvemento persoal. A medida que avanzamos tívenme que preparar para ofrecer un servizo impecable, porque de nada serve que eu saiba moito de cabalos se non preparo a parte de desenvolvemento persoal para dar un bo servizo á xente.

Cabalos de Rincón de Finca el Carmen / Rincón de Finca el Carmen

En que nos poden axudar os cabalos a nivel emocional ou de desenvolvemento persoal?

Aquí facemos todo o que teña que ver con actividades con cabalos para que as persoas traballen as súas emocións. Que a xente se conecte consigo mesma e recupere a súa esencia. Conectarse coa natureza e que volvan novos para casa, como me din moitos alumnos. Ofrecemos un espazo para liberar tensións e volver á súa esencia, a quen son realmente.

A min axudáronme os cabalos a iso. Os cabalos achéganme un estado de presenza, de que o que importa é o agora e de non xuízo, de observar a vida desde un observador neutro e así fai que as miñas relacións cos demais sexan tamén desde aí: menos xuízos, menos interpretacións, sen prexuizos,… Podemos ser observadores naturais do que nos envolve e de todo.

A min axudáronme a iso, emocionalmente reequilíbrante porque tes que estar continuamente regulando as túas emocións se queres conseguir algo dun cabalo de forma voluntaria. Traballas en ti mesmo. É un adestramento para ti.

Cabalos de Rincón de Finca el Carmen / Rincón de Finca el Carmen

Entenderse cos cabalos, que eles te entendan, é posible que saiban máis dun que un mesmo, ou que perciban cousas en nós que nós non recoñecemos ata que eles nos ensinan.

A mín salváronme os cabalos. Meu pai tivo unha longa enfermidade, houbo meses moi duros, ía á leira xunto dos cabalos e rodeábanme en círculo. Ese sentido de grupo, sabes? Iso tamén o dan os cabalos, o sentido de grupo, de colaboración, de que xuntos somos máis fortes.

Poderíase establecer un perfil do tipo de persoas que utiliza Rincón de Finca el Carmen?

Hai xente que vén por curiosidade, ver que é o coaching con cabalos ou intelixencia emocional con cabalos,… O que máis abunda son sobre todo mulleres. É así hai que dicilo, estamos máis abertas e sensibilizadas co que é o coñecemento dun mesmo. Entón veñen moitas persoas interesadas en coñecerse mellor, en desenvolver todo o seu potencial.

Tamén empresas como banca e farmacéuticas, persoas que teñen xente ao seu cargo e buscan coas sesións esas habilidades brandas que podes poñer en práctica cos cabalos e serven para dirixir ao equipo, mellorar a comunicación co outro.

Baños con cabalos de Rincón de Finca el Carmen / Rincón de Finca el Carmen

O día 3 de novembro temos no Rincón unha Slow Experience. En que consiste?

Un paseo lento cos cabalos para camiñar con consciencia. Libera, enfoca, crea,… e todo isto na Ribeira Sacra. Buscamos unha experiencia de benestar transformadora coa presenza dos cabalos.

O primeiro contacto ecuestre, equinoterapia, campamentos de verán para nenos, paseos a cabalo, roteiros nocturnos, baños sobre o cabalo, ata excursións programadas, desenvolvemento persoal e coaching para profesionais, equipos, familias ou persoas a través dos cabalos. Onde quedan as clases de equitación?

Seguimos tamén con clases de equitación, clases para que o binomio xinete e cabalo xere maior benestar. O xinete aprende a utilizar mellor o seu corpo e a súa mente e temos en conta ao cabalo, non o ben que montamos ou a técnica que utilizamos; buscamos tamén entender e escoitar ao cabalo.

Rincón de Finca el Carmen

 

ÚLTIMAS

Puido haber unha ALTRI en Quiroga en 1976?

Dende finais de 1975, pouco despois da morte do Perenne, víñanse sucedendo novas na...

Fin de semana de descenso urbano de Sarria

O club ciclista DH Galicia, que ven organizando o evento desde 2012, ultima os...

Concurso de Enganches Concello de Chantada, este 21 de xullo

Chantada acolle o 21 deste mes de xullo o Concurso de Enganches Concello de...

Comeza a mellora da estrada LU-P-4202 que une Pacios e Currelos

A Deputación de Lugo vén de iniciar en Paradela os traballos da estrada provincial...