Na aldea dos Anguieiros, parroquia de Montefurado (Quiroga), terá lugar ese sábado 2 de novembro a IV Xornada Castañeira. Esta actividade terá unha primeira parte divulgativa, de 17:00 h a 18:30 h. na se fará unha visita guiada a 3 caniceiras, ou sequeiros como se denominan noutros lugares, para coñecer o proceso de secado das castañas e ver a tipoloxía das que se conservan en Anguieiros -que son características da zona-. A continuación o xerente do GDR Ribeira Sacra, Martín Alemparte, ofrecerá unha charla sobre o potencial da castaña na zona, posibilidades de emprender neste sector e tamén achegará aos presentes información do Xeoparque Mundial Montañas do Courel.
Para as 18:30 h está previsto un obradoiro de cabazas de samaín entre os pequenos/as que haxa por alí e a partires das 19:30-20:00 h. está programada unha merenda informal e un magosto popular, asaranse castañas nunha fogueira na coñecida praza do “Portaleiro” -na entrada mesmo de Anguieiros- e amenizará a troula o grupo de música tradicional “As Macizas Centrais” de Trives.
Este mesmo día celébrase a ”Festa da Castaña” do Courel, que este ano tócalle á localidade de Seoane. O recinto no que haberá produtos de tempada e postos de artesanía abrirase ás 12:00 h. coa intervención do grupo “Cantores do Courel” e unha hora e media despois terá lugar o pregón a cargo do chef Iván Domínguez. A continuación música a cargo do grupo xa comentado e “O Recanto” de Quiroga.
Pola tarde, volve a música de “O Recanto” e un espectáculo infantil, “Circo Galaico” con monicreques de Borja Insua ás 17:00 h. A partir das 19:00 h. actuarán os Gin Toni’s e ás 21:00 h. verbena.
No Concello do Saviñao teñen unha xornada completa de fin de semana, coa celebración do Samaín e do Magosto. O sábado 2 será a tradicional festa de Samaín con inchables, túnel do terror, taller de chapas terroríficas, merenda, photocall, desfile de disfraces, carriño de “perritos”, carriño de “palomitas”, chocolate con churros… e moita diversión. A partir das 17:00 h. no pavillón municipal. Entrada de balde.
O domingo 3 a partir das 17:00 h. celebrarán o magosto na carpa municipal. Haberá xogos populares, pancetada, chocolate con churros, castañas asadas… A música correrá a cargo do Dúo Camelia.
E para os amantes das andainas e do terror, unha proposta orixinal que leva a cabo a Área de Deportes do Concello de Quiroga. Trátase da primeira Andaina do Terror, Qui-Medo. Andaina de dificultade baixa e cun percorrido duns 6 quilómetros, maioritariamente polo casco urbano. Haberá sorpresas terroríficas ao longo do percorrido e os participantes sairán dende o Pavillón Municipal a partir das oito e media do serán en grupos de 10 persoas cada cinco minutos. Os menores de 12 anos que queiran participar deberán de ir acompañados.
A organización convida a disfrazarse aos asistentes para darlle máis espectacularidade á andaina. Ao remate convidarase a chocolate.