Casualidades da vida fixeron que a catalá Estefanía Padullés viñese vivir a Galicia. Conta que ela e a súa parella vivían en Almería e tiñan en mente ir vivir a un lugar no que houbese moita natureza e bosque preto da casa. Galicia foi a opción escollida, xestionaron todo dende Almería e mudáronse a Paradela onde alugaron unha vivenda mentres buscaban casa. Gustoulles tanto o lugar cando chegaron que, tras mirar varias opcións, atoparon o que hoxe é o seu fogar no lugar de Bariz, a 8 quilómetros da vila de Paradela e a 8 de Currelos, xa no Saviñao.
Padullés viviu ata os 24 anos no concello de Vilada -provincia de Barcelona-, e despois pasou 8 en terras almerienses antes de chegar a Galicia. Está convencida cada vez máis da decisión tomada e afirma estar moi feliz e marabillada coa hospitalidade e a xenerosidade da xente. A esa felicidade foille sumando estes anos a satisfacción de ter convertido a súa afección ao debuxo en dedicación profesional, podendo ademais traballar sen abandonar o rural.
Durante estes últimos anos acadou que os seus traballos como ilustradora pasaran de ser un complemento económico a darlle para vivir. Actualmente está nun bo momento profesional, con varias obras publicadas, outras en proxecto, e desenvolvendo tamén actividades relacionadas como obradoiros de debuxo e charlas en escolas. Aténdenos agradecida, e con esa simpatía que a caracteriza, para contarnos cousas do oficio e de como está a vivir o que acontece en Catalunya.
Que imaxe tiñas dos galegos e da nosa terra antes de vivir nela? E agora?
Non me gusta nada facer xeneralizacións e non tiña ningunha idea preconcibida. Coñecía algúns amigos galegos pero non establecín nunca etiquetas que os definiran coma galegos. Respecto á terra, quizais pensaba nunha Galicia máxica e salvaxe, e agora vexo que non ía desencamiñada. Se teño que dicir algo sobre a xente, creo que é a máis xenerosa que atopei endexamais. E que lles gusta moito comer (risas).
“pensaba nunha Galicia máxica e salvaxe, e agora vexo que non ía desencamiñada”
Cando descubriches o teu ‘talento’ para debuxar? E para escribir historias?
Eu debuxo dende moi cativa, e facíao porque me gustaba, emocionalmente facíame ben e permitíame expresarme. Co tempo fun decatándome de que se me daba ben e xa intentei mellorar e “adestrar” esa aptitude. Pero de xeito autodidacta, como un ‘hobby’. O feito de escribir foi algo colateral, simplemente decidín facer as miñas propias historias para debuxar aquilo que eu quería.
En que momento viches posible converter a túa afección en oficio?
Pois nunca pensei nesta posibilidade ata hai uns 6 anos. Estudei bioloxía e a miña traxectoria profesional sempre estivo relacionada co mundo dos animais -traballou no Centro de Recuperación da Fauna Marina en Almería e tamén como auxiliar de veterinaria- pero este campo pode chegar a ser moi duro dende o punto emocional porque require moita implicación afectiva. Así que cambiei ao mundo dos libros cando vin a oportunidade. Os álbums ilustrados abríronme os ollos a un tipo de traballo de ilustración que era o que eu quería facer. Ou polo menos intentalo…
Actualmente vives da ilustración ou é unha fonte máis de ingresos na túa vida?
Non hai moito combinaba traballos de bioloxía con algúns ingresos que viñan das publicacións ou da ilustración. Pero agora xa practicamente podo vivir do meu traballo como autora ou actividades relacionadas.
Como te descubriu Hércules Ediciones e cantas obras tes xa publicadas con eles?
Mandeilles eu a proposta para publicar o álbum “O desexo do gato Klops”, e dende aquelas xa fixeron 4 álbums meus. E ben contenta que estou con esta editorial, que xa temos dous proxectos máis argallados para o ano que vén.
Traballas para outras empresas e recibes encargos fóra do mundo editorial?
Si, dende fai un ano publico con a Editorial Idampa tamén; temos un proxecto de libros de lectura ilustrados para primaria e unha colección infantil. Iso implica certa continuidade no traballo con esta editorial. E a parte, puntualmente fago traballos para outras editoriais ou encargos de ilustración para diferentes clientes.
E por que esa especialización no mundo infantil? Non desbotas publicar no futuro algo para público adulto?
Empecei no mundo da publicación infantil porque considerei que tiña máis saída comercial que outro tipo de libro e pensei que sería máis doado conseguir unha oportunidade. Pouco a pouco estou tamén a facer cousas para público xuvenil e non desboto nada, pero por agora coido que aínda teño moito que explorar no sector infantil. Gustaríame atreverme algún día co cómic porque é un arte que me fascina, pero non sei se teño o talento necesario porque para facer cómic precísase algo máis que ilustración e escritura.
“unha autoestima saudable é necesaria para non precisar danar a ninguén”
Un dos obxectivos das túas obras é ‘educar en valores’?
Cando fago unha historia quero que os nenos gocen do libro e que pasen un bo rato imaxinando a aventura. Ese é o obxectivo principal, pero se coa lectura podo axudar a solucionar algunha das inquietudes que temos todas as persoas pois mellor, así que intento introducir valores que axuden a construír a súa moral e ética. Creo que unha autoestima saudable é necesaria para non precisar danar a ninguén.
“cando volvo de visita, non podo percibir os problemas e agravios dos que fala “o procés”, que me parece unha enorme campaña publicitaria”
Como catalá, como estás vivindo a situación creada a raíz do ‘Procés’?
Pois con moita mágoa. Eu marchei de Catalunya hai 15 anos e entón isto da independencia era algo anecdótico, pero en calquera caso todo o mundo podía opinar sobre as súas opcións políticas sen problema ningún. Agora, cando volvo de visita, non podo percibir os problemas e agravios dos que fala “o procés”, que me parece unha enorme campaña publicitaria e, en cambio, si que vexo outros problemas dos que non se fala: a degradación dos servizos públicos, a precariedade, a conflitividade social… En calquera caso, e innegable que a xente síntese farta e triste pola situación e que Catalunya cada ano ten peor calidade de vida.
“O conflito non se soluciona porque hai quen ten intereses en mantelo, casualmente os dous extremos do problema que necesitan polarizar moito para entrar na ecuación”
Non che pasou ningunha idea para o guión dunha historia que trate os ‘valores’ necesarios para solucionar o conflito?
A verdade é que non. Non creo que teña moito que ver con valores. Persoalmente creo que se o 80% da poboación de Catalunya quixese a independencia poderíana acadar. O tema é que coa realidade na man, sen utopías nin manipulacións, a maioría da xente non quere aventurarse como novo estado cando o seu día a día como españois non supón trauma ningún. O conflito non se soluciona porque hai quen ten intereses en mantelo, casualmente os dous extremos do problema que necesitan polarizar moito para entrar na ecuación. Son estes os que máis rédito lle sacan, e póñense moi nerviosos cando baixa a tensión porque perden visibilidade.
Volvendo ao teu oficio. Dime algúns referentes que teñas no mundo da ilustración.
Gústame moito polo estilo coidado que ten a francesa Rébecca Dautremer, e aquí en Galicia, Miguel Anxo Prado e o autor de ‘O Bichero’, Luis Davila. Este último, cun estilo máis informal paréceme xenial, retrata aos galegos/as tal como son (risas).
Dime 3 trazos ou aptitudes para ser debuxante.
Constancia, o talento é moi importante pero non o é todo, hai que traballar. O atrevemento, ha que innovar e saír da zona de confort, e tamén a disciplina.
Como levas o da disciplina?
Ben, son unha persoa moi responsable. De nova era outra cousa, pero agora neste oficio non se poden deixar as cousas para outro día. Eu vou traballando ao meu ritmo, vou entregando pero sen urxencias nin estrés, non soporto traballar con estrés. As présas non son boas, nin para un nin para a calidade, os propios nenos nótano, saben ver cando un debuxo levou horas e traballo.
Tamén fas obradoiros de debuxo e narras historias, que tal nesta faceta?
Aprendo moito tamén, e gústame transmitir a paixón polo meu traballo. Adáptome ás inquietudes e intereses dos alumnos é iso e moi enriquecedor. E unha parte máis didáctica que complementa unha profesión que, en xeral, é moi solitaria, así que agradezo este tipo de interacción.
Estarás no Culturgal do 29 de novembro ao 1 de decembro. Cóntanos.
Si, vou firmar o sábado 30 ás 18.30h. Será a primeira vez que vou. Cada ano intento ampliar a miña participación na vida cultural galega e descubrir máis feiras do libro e eventos deste estilo. E cada ano estou máis agradecida porque a xente xa empeza a coñecerme como autora e veñen adrede para que lles asine os libros. E iso non ten prezo!