Desde o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra consideran que os datos veñen a confirmar como as condicións meteorolóxicas inflúen de xeito decisivo nos resultados de ocupación, especialmente en meses como outubro e novembro nos que o perfil de consumo se basea en escapadas de fin de semana.
“Os potenciais clientes van a decidir facer esa escapada ou pospoñela en función das previsións que haxa para o tempo. O pasado ano, houbo días de acadar temperaturas de 30º no mes de novembro e, desta volta, as alertas amarelas da AEMET foron as protagonistas de case todas as fins de semana; de feito, varias das actividades de exterior do programa de outono tiveron que ser canceladas por esos avisos,” asegura a xerente do Consorcio, Alexandra Seara.

Así canceláronse actividades de Baños de Bosque, Danzando o Outono, Ollando o ceo do Canón ou a do Camiño de Inverno que combinaba sendeirismo con kaiak.
A actividade do Oleobus foi a máis demandada de todas, tendo que duplicar as prazas nas dúas fins de semana programadas e quedando pendentes persoas na listaxe de reserva.
Para a ponte que agora comeza, as previsións de ocupación son do 84%. Nos hoteis de 3 e 4 estrelas chega ao 97 %. O 88% en Turismo Rural e un 68% para o resto de aloxamentos.
Durante o Nadal agárdase unha ocupación do 85%. Nestas datas a oferta redúcese significativamente, pero “cada ano son máis os establecementos que manteñen abertas as súas portas nas datas centrais do Nadal”, asegúran desde o Consorcio de Turismo.